Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

WordPress

Os blogs constitúen un dos piares da chamada revolución da Web 2.0. Son a ferramenta que facilita a participación sinxela dos internautas que, novos na Rede coa popularización de ofertas de acceso de banda larga, e con desexo de participar, queren achegarse e ofrecer contidos. Un traballo especializado que nos anos anteriores ao 2004 era crear contidos para a web, coa aparición dos blogs, e outras formas de participación multimedia, converteuse nunha explosión nas taxas de crecemento da información dispoñíbel.

Nun blog non só se publican contidos tipo texto. Imaxes, vídeos, sons... multimedias en xeral achegan matices á expresión individual, ás palabras de cadaquén. Xunto coa facilidade de emprego e a posibilidade de formatos multimedia, as capacidades de sindicación dos blogs fan deles unha ferramenta case-viral na potencialidade de espallar as mensaxes. Esta capacidade está a provocar unha resposta, un novo “xornalismo cidadán” fronte ao fenómeno decimonónico da prensa escrita, dos grupos de opinión, das maiorías silenciosas. Confórmase unha nube de pensamentos, non sempre articulados, e non sempre baseados no racional, que dan o pulso da comunidade dos usuarios e usuarias da Rede.

WordPress é un dos máis asentados softwares para a edición de blogs. A versión sobre a que imos traballar neste breve titorial é a de un só usuario/a, pero tamén dispón doutra multiusuario, que está a ser empregada por grandes redes de blogs, como o xornal francés Le Monde, ou a Universidade de Harvard para a súa comunidade educativa.

Licenza

WordPress distribúese baixo os termos da GNU General Public License, version 2.0.

Resumo sobre a comunidade de desenvolvemento

Nos 5 anos de vida do proxecto, 90 persoas achegaron código, en maior ou menor medida. A día de hoxe o núcleo da comunidade de desenvolvemento atópase na área de San Francisco, nos EUA, e seguen un modelo de desenvolvemento baseado na experiencia das persoas usuarias, nunha arquitectura flexíbel e modular que permite achegas de terceiras persoas para estender as funcionalidades do sistema, e o emprego comercial de wordpress.com, onde fan desenvolvemento por encargo de engadidos que despois liberan como software libre. A última versión estábel é a 2.7.1.

Instalación e posta en marcha dun blog

O contorno necesaria para a instalación de WordPress baséase no afamado modelo LAMP (Linux, Apache, MySQL, PHP). Posto que é o modelo que estamos a empregar dende o comezo, damos por suposto que, chegados a esta altura, xa temos un servidor semellante instalado.

Igual que con outros aplicativos web, o procedemento basease na descarga do software, e a súa descompresión nun cartafol por debaixo da xerarquía web (/var/www, na instalación predeterminada).

sudo su
cd /var/www/
wget http://wordpress.org/latest.tar.gz 
tar zxvf latest.tar.gz
rm latest.tar.gz
chown www-data:www-data wordpress -R

Tamén precisamos dunha base de datos, que creamos coas seguintes ordes:

mysql -p
create database wordpress;
grant all on wordpress.* to 'usuario'@'localhost' identified by 'contrasinal';

Unha vez feito isto, xa podemos achegarnos co navegador web á páxina na que vai estar o blog: http://localhost/wordpress/.

Wordpress1.png
Ilustración 1: Entrada ao blog de WordPress

Despois dun par de mensaxes de presentación, un formulario solicítanos os datos para a conexión coa base de datos. Segundo o que escribimos nas ordes anteriores, a base de datos chámase “wordpress”, o usuario “usuario” e o contrasinal “contrasinal”. Cando fagamos clic no botón de enviar, apareceranos a mensaxe de “Run the install” para comezar a configuración do blog.

O seguinte formulario pídenos unha serie de informacións sobre o blog que estamos a crear: o título que vai ter o blog, e o enderezo de correo electrónico da persoa administradora. Prememos en “Install WordPress” e recibiremos unha mensaxe de confirmación, cun nome de usuario e un contrasinal para entrar a administrar o blog. Ao pe, un botón que nos leva á páxina de validación persoal no noso blog. Escribimos o nome e o contrasinal, e entramos no taboleiro de administración.

Wordpress2.png
Ilustración 2: Administración do WordPress

Para instalar o ficheiro de tradución do panel de administración, temos que descargar dende a páxina de localización de WordPress o arquivo “gl_ES.mo” correspondente coa nosa versión. Ese ficheiro debe gardarse no subcartafol wp-includes/languages/ da instalación. Para que o sistema saiba cal é o idioma predeterminado, temos que modificar no arquivo “wp-config.php” a liña que contén a variábel “WPLANG” para que quede como:

define ('WPLANG', 'gl_ES');

Con isto, teremos o blog visíbel en http://localhost/wordpress/. O seguinte por facer é personalizalo e adaptalo aos nosos gustos, e á temática que vaiamos a tratar nel. O primeiro elemento configurábel xa antes de engadir nada ao blog son os widgets, os elementos seleccionábeis que atopamos normalmente nas columnas laterais do blog. Se entramos na pestana “Deseño”, e dentro dela en “Widgets” atoparemos o repertorio deles que podemos empregar no blog, substituíndo os que o estilo visual trae predeterminados.

Wordpress3.png
Ilustración 3: Adaptación do deseño en WordPress

Engadidos, e estilos visuais

Unha das potencialidades de WordPress é a súa modularidade, a capacidade cuasi ilimitada de crecer nas súas funcións con base en engadidos. De feito, hai desenvolvedores web que traballan só con WordPress para moitos tipos de proxectos, non necesariamente un blog coma os que estamos habituados a atopar. Podemos incorporar engadidos (“plugins”) e estilos visuais (“themes”). Na web do proxecto temos referencia abondosa dos dous. Imos seguir o proceso de instalación dun de cada, para ter unha idea do que implican.

Entre os plugins, imos instalar este chamado eShop, que permite crear unha tenda virtual no noso blog. Para instalalo, descargamos o paquete dentro do subcartafol wp-content/plugins/, e alí o descomprimimos:

cd /var/www/wordpress/wp-content/plugins/
wget http://downloads.wordpress.org/plugin/eshop.2.6.4.zip 
unzip eshop.2.6.4.zip
rm eshop.2.6.4.zip

Despois hai que entrar no panel de administración, e na pestana “Engadidos” facer clic no “Activar” que atoparemos na columna dereita da lista de engadidos. O eShop crea unha nova solapa no menú principal, na que podemos configurar o comportamento da nosa tenda. Tamén crea outra solapa dentro do apartado “Configuración”.

Wordpress4.png
Ilustración 4: Panel de configuración do eShop

Temos que crear artigos, introducir categorías e custos de transporte. O plugin crea automaticamente unha serie de páxinas no blog con informacións relativas aos artigos e condicións de servizo da tenda.

Para o segundo exemplo, imos cambiar o aspecto do noso blog instalándolle un novo estilo visual. Visitamos o Directorio de Estilos Visuais de WordPress, e escollemos un que nos pareza agradable. Entre as características que ter en conta, débese mirar se acepta widgets, pois ao ser esta unha opción relativamente recente, non todos o permiten. Temos que descargar o arquivo .zip no subcartafol de themes da nosa instalación: wp-content/themes/. Unha vez nel, podémolo descomprimir co unzip:

cd /var/www/wordpress/wp-content/themes/
wget http://wordpress.org/extend/themes/download/varg.1.1.zip
unzip varg.1.1.zip
rm varg.1.1.zip

Feito isto, no separador “Deseño” do menú principal habemos atopar entre os themes instalados, o novo.

Wordpress5.png
Ilustración 5: Temas para WordPress

Para activalo, só temos que facer clic enriba del. Abrirase unha vista previa de como ha quedar o novo theme no noso blog, cunha ligazón na esquina superior dereita que confirma a activación.

Á parte do catálogo de modelos (themes) que ofrece a propia wordpress.org, hai multitude doutros espallados pola rede, e cunha oferta en constante expansión.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada pola empresa TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0