Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Trasnadas - acordos terminolóxicos

Descrición:

As Trasnadas son o encontros que organizan periodicamente dende o Proxecto Trasno a fin de reunir aos tradutores de software libre ao galego co obxectivo principal de servir de punto de encontro da comunidade de tradución para fixar terminoloxía no ámbito da tradución, para aumentar a calidade das tradución e servir de escaparate ao expor ao público o traballo destes voluntarios a prol da normalización da lingua galega nas tecnoloxías libres que traballan baixo o paraugas do Proxecto Trasno. Habitualmente resérvase tamén un espazo para a difusión e formación de novos interesados en colaborar na localización. Proxecto TRASNO

O público obxectivo destas xornadas son:

  • Actuais tradutores de proxectos de software libre.
  • Persoas involucradas directamente na localización de software libre.
  • Membros da comunidade de l10n de software libre.
  • Novos localizadores que xa contactaron con Trasno.

Datas e lugar de celebración:

  • Trasnada´10 : Foi a primeira Trasnada e tivo lugar na Casa da Cultura do Concello de Ordes o día 16 de outubro de 2010.
  • Trasnada 11.0 celebrada o 28 de maio de 2011 na Casa da Xuventude de Ourense.
  • Trasnada 11.1 celebrada o 12 de novembro de 2011 na cidade de Vigo.
  • Trasnada 12.0 celebrada os días 18 e 26 de maio de 2012 no centro Ágora de A Coruña.
  • Trasnada 12.1 celebrada o 13 de outubro de 2012 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Resultados das Trasnadas

Grazas a estas reunións presenciais de debate a asentamento terminolóxico, os voluntarios de tradución de software libre ao galego son quen de consolidar o traballo de discusión terminolóxica que día a día realizan por medio da súa lista de correo.

Nas edicións que levan desenvolvido teñen xa acadado o consenso da tradución ao galego máis de 200 termos no ámbito das novas tecnoloxías.

Os resultados acadados en todas as Trasnadas están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas nun glosario en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT).

Ademais para facilitar a consulta dos acordos terminolóxicos dende Trasno proporcionan tamén unha páxina web dinámica para a consulta de forma local, que non require ningunha conexión á Internet, dispoñible tamén na propia páxina de resultados das Trasnadas.

Impacto dos acordos

Homoxeneización e calidade das traducións

Este asentamento terminolóxico supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e por ende da súa calidade. Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprometéronse a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan. Máis alá da xa de por si importancia de consensuar a tradución ao galego de máis de 200 termos, o valor destes acordos aumentan se temos en conta que non só participaron nas discusións un gran número de voluntarios do Proxecto Trasno senón outras persoas interesadas e alleas ao proxecto.

Mellora das ferramentas de axuda para a tradución: Pology

Este traballo de asentamento de terminoloxía incorporouse en ferramentas de comprobación automática das traducións como Pology, para o cal Marce Villarino creou regras para comprobar que nas traducións se aplican os consensos acadados pola comunidade, e que xa están integradas na versión oficial de Pology de forma que toda aquela persoa interesada poida usalas para revisar as súas traducións.

Ditas regras para Pology xa se usaron para realizar comprobacións e corrixir milleiros de traducións en varios dos proxectos máis importantes do Proxecto Trasno, como Xfce, KDE e GNOME, para deste xeito aplicar canto antes os acordos acadados na Trasnadas.

Pódese atopar máis información sobre as regras para Pology na páxina de resultados das Trasnadas.

Organiza:

AC Proxecto Trasno

Patrocina:

Esta actividade contou co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL para a promoción do Software Libre en Galicia no marco do plan de acción de Software Libre da Xunta de Galicia dos anos 2010, 2011 e 2012.