Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Sistemas de comercio electrónico

Conceptos básicos de comercio electrónico

Existe comercio electrónico desde que os bancos intercambian ficheiros que representan efectos físicos. Dende hai moito tempo os grandes operadores financeiros estableceron protocolos e normas para estes intercambios, os chamados EDI (“Electronic Data Interchange”) unha serie de estándares sobre formatos e contidos destes ficheiros de intercambio. Fálase así de relacións entre empresas, B2B (“business to business”, “de empresa a empresa”). Pero a popularización destas formas de economía baseadas no intercambio de información ocorreu co nacemento do diñeiro de plástico e, sobre todo, co crecemento da Internet nos últimos anos. Xorde entón a variante B2C (“business to customer”, “de empresa a cliente”).

Nestes procesos é vital a seguridade das comunicación, e a identidade dos intervenientes.

osCommerce

Este aplicativo web conta coa virtude da facilidade de instalación e da traxectoria asentada ao longo dos anos. En lugar de maximizar as funcionalidades, o obxectivo de osCommerce é fornecer do mínimo que calquera tenda pode precisar.

Licenza

osCommerce distribúese baixo os termos da GNU General Public License, version 2.0

Resumo da comunidade de desenvolvemento

O desenvolvedor principal mantén o seu liderado dende o comezo do proxecto, alá polo 2000. Chámase Harald Ponce de Leon. Polo demais, a comunidade de desenvolvemento do proxecto é extensa, así como o parque de instalacións das que teñen referencia (máis de 14.000 segundo comentan na propia web do proxecto).

O financiamento venlles por dúas vías: os “Community Sponsorship Plans”, polos que persoas achegan fondos ao proxecto; e o “Corporate Sponsorship”, polo que se establecen relacións de colaboración entre o proxecto e empresas, sobre todo pensando na necesaria interrelación entre o software e as pasarelas de pagamento, por exemplo.

Instalación e configuración básica

Trátase dun software baseado en PHP, co contorno de traballo LAMP, polo que precisamos do servidor web Apache, e da base de datos MySQL. As demais dependencias faranse visíbeis durante o proceso de instalación.

En primeiro lugar descargamos o paquete de software dende a web do proxecto. Descomprimimos e copiamos dentro da xerarquía web o subcartafol chamado “catalog”:

cd /tmp
wget http://www.oscommerce.com/redirect.php/go,44
unzip oscommerce-2.2rc2a.zip
rm oscommerce-2.2rc2a.zip
cd oscommerce-2.2rc2a
mv catalog/ /var/www/
chmod 777 /var/www/catalog/includes/configure.php
chmod 777 /var/www/catalog/admin/includes/configure.php 
mysql -p
create database osc;
grant all on osc.* to 'osc'@'localhost' identified by 'contrasinal';
quit;

Co navegador web achegámonos a http://localhost/catalog/.

Oscomerce1.png
Ilustración 1: Exemplo de tenda con osCommerce

Vemos a páxina de presentación, e as probas de contorno. En caso de non cumprir con todas as dependencias, teríamos que instalar os paquetes precisos. Cando teñamos todo instalado, aparecerá o formulario de entrada de valores para a conexión coa base de datos. Escribimos os valores correspondentes e facemos clic en “Continue”. Crearanse as táboas do aplicativo, e pasamos a configurar o servidor web. Os valores predeterminados son correctos normalmente. Volvemos facer clic en “Continue” e metemos os datos da tenda: nome, propietario, correo e persoa que vai administrar. Rematado este paso, xa temos a tenda operativa. Podemos acceder ao catálogo ou á interface de administración. Pero antes temos que eliminar o subcartafol “install”.

Só nos resta instalar o paquete de localización ao galego do aplicativo. Descargámolo e seguimos as instrucións que contén:

  • Para traducir a parte pública: só hai que descomprimir o contido do ficheiro galego.tar.gz dentro do directorio “catalog/includes/languages”.
  • Para traducir a interface de administración haberá que seguir os seguintes pasos:
    1. Descomprimir o contido do ficheiro admin_galego.tar.gz dentro do cartafol “catalog/admin/includes/languages”.
    2. Xerar un novo idioma na interface de administración no menú
      • Localization -> Languages -> New Language
      • Coas seguintes características:
        • Name: Galego
        • Code: gl
        • Directory: galego
    3. Finalmente executar:
mysql -u Nome-usuario -p nombe-BBDD < traducion_taboas_configuration_e_conf_group.sql 

Administración do sistema

O primeiro que terá que facer o futuro administrador dunha tenda dixital é ter un catálogo de produtos. Eses produtos divídense en categorías, e poden ter moi variados atributos. Todas estas condicións pódense configurar no panel da persoa administradora, dentro do apartado “Catálogo”. Tamén se poden establecer familias de fabricantes, e ofertas para determinados produtos e durante un tempo limitado.

Tamén terá que decidir os métodos de envío dos seus produtos á clientela, e investigar os custos de cada un deles. Esta información aparecerá no apartado “Módulos”, o mesmo que as diferentes variábeis que inflúen no proceso de totalización, e a configuración das modalidades de pagamento aceptadas na tenda.

Oscomerce2.png
Ilustración 2: Módulos de pagamento para osCommerce

Polo que respecta á clientela, poderá ter constancia da frecuencia das súas visitas, e mesmo mandarlles un boletín informativo polo correo electrónico. Igualmente poderá saber cales son os produtos máis visitados, os máis vendidos, e as preferencias de cada cliente ou clienta.

Se quixer facer cambios no aspecto da tenda xa tería que adiantar un pouco máis de traballo, porque a modificación sinxela dos templates non é unha das virtudes do osCommerce.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada pola empresa TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0