Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Publicación web con Joomla

Licenza

Joomla distribúese baixo os termos da GNU General Public License, version 2.0

Resumo sobre a comunidade de desenvolvemento

Se hai no ecosistema do software libre un proxecto centrado na comunidade é Joomla. Dende o comezo, na máis ou menos tráxica bifurcación do por aquel entón CMS de referencia, Mambo, o núcleo de desenvolvemento do proxecto procurou escoitar, seguir e dar satisfacción ás demandas da comunidade dos seus usuarios. O propio nome “Joomla” quere dicir “todos xuntos” en swahili. A participación comunitaria organízase arredor do web http://community.joomla.org.

Joomla1.png
Ilustración 1: Sitio web da comunidade de Joomla!

As fontes de información oficial e oficiosa sobre o proxecto son blogs, abertos á participación dos lectores. Segundo as palabras dos autores, miles de persoas contribúen ao proxecto de moi diversas formas, en tradución, desenvolvemento, documentación, deseño, xestión da participación, ou probando novas funcionalidades. Afirman ter máis de 200.000 persoas usuarias..

Os ciclos de liberación non seguen prazos prefixados, e a última versión pódese descargar dende esta ligazón.

Instalación e configuración básica

Trátase dun CMS (“content management system”, “sistema de xestión de contidos”) baseado no paradigma LAMP, polo que as dependencias que precisa son o servidor web Apache, a base de datos MySQL e a linguaxe de guións PHP.

cd /var/www/
wget http://joomlacode.org/gf/download/frsrelease/9294/34996/Joomla_1.5.9-Stable-Full_Package.zip
unzip Joomla_1.5.9-Stable-Full_Package.zip
rm Joomla_1.5.9-Stable-Full_Package.zip
mysql -p
create database joomla;
grant all on joomla.* to 'joomla'@'localhost' identified by 'contrasinal';
quit;

Despois de descomprimir o paquete, xa nos podemos achegar á páxina web de instalación: http://localhost/.

Escollemos o idioma, e pasamos ao conxunto de probas de compatibilidade do sistema. Teremos que corrixir os erros, instalando o software que sexa preciso, ou modificando a configuración do xa instalado. Despois vén a aceptación da licenza, e a configuración da base de datos. Temos que introducir os datos de conexión da base de datos. Na seguinte pantalla solicítansenos datos de configuración de FTP, que non son precisos. Case rematando, temos que dar nome ao sitio, un correo de contacto, e o contrasinal da persoa administradora. Tamén temos opción de instalar datos de exemplo. Na última pantalla recoméndasenos que eliminemos o directorio de instalación, no noso caso /var/www/installation/.

Rematada a instalación básica, podemos entrar no panel de administración no url http://localhost/administrator/,

Joomla2.png
Ilustración 2: Panel de administración de Joomla!
ou ver a páxina tal e como se vai ver cara ao público, en http://localhost/.

Na páxina do proxecto de tradución de Joomla ao galego podemos atopar os paquetes de instalación da tradución da interface pública e do panel de administración. A instalación faise dende o panel de administración: despois da descarga imos ao menú “Extensions” e seleccionamos a opción “Install/Uninstall”. Escollemos o arquivo do noso disco duro local e prememos en “Upload File & Install”. O paquete instálase e xa podemos seleccionar a lingua predeterminada do sistema, dende o menú “Extensions” na opción “Language manager”. Escollemos o galego na listaxe, e facemos clic na icona de “Default”. O mesmo para “Site” que para “Administrator”.

Como vemos, o proceso de instalación de novos compoñentes de Joomla é moi sinxelo.

Seccións, categorías e artigos

Joomla é un sistema de xestión de contidos moi versátil. Pódese empregar para moitos tipos de proxectos diferentes. Por iso é especialmente importante a planificación dos contidos, categorías e tipos de datos que vai amosar o sitio web que estamos a deseñar. Os contidos agrúpanse en seccións que conteñen categorías, formadas por artigos. Esta é a organización básica da árbore de contidos de Joomla. O traballo de análise dos contidos, e a súa estruturación para adaptalos ao xestor han facilitar a etapa de explotación, cando o persoal encargado da carga de informacións teñan que achegarse e empregar a ferramenta como traballo cotián.

Xestión de usuarios/as e permisos

Durante a fase de implantación da aplicativo web baseado en Joomla a persoa administradora vai ser a persoa usuaria máis empregada, pero despois, cando o sitio estea activo, as usuarias e usuarios terán funcións reducidas. De modo predeterminado hai dous conxuntos de grupos de persoas usuarias: os grupos da portada, e os grupos do panel de control.

Portada pública

| ---- Rexistrado
|-------- Autor
|------------- Editor
|------------------- Publicador

Panel de control

|------- Xestor
|------------- Administrador
|------------------- Super Administrador
  1. Rexistrado. Os usuarios e usuarias rexistrados pódense validar na portada da web. Pode haber información específica para eles. Por regra xeral os niveis de acceso concedidos aos membros dun grupo son herdados polos membros dos grupos fillos, a non ser que o Super Administrador o especifique.
  2. Autores. Estas persoas usuarias poden enviar contido, e editar o que enviaron con anterioridade.
  3. Editores. Poden enviar e editar contido propio e doutras persoas usuarias.
  4. Publicadores. Poden enviar, editar e facer público contidos propio ou doutros usuarios e usuarias.
  5. Xestores. Teñen acceso á creación de contidos, e outra información do sistema.
  6. Administradores. Este grupo de persoas usuarias teñen acceso a case todas as funcións de administración.
  7. Super Administradores. Teñen acceso a todo.

Módulos e estilos visuais

No apartado de extensións para Joomla da páxina do proxecto atopamos unha inxente cantidade de módulos que poden aumentar as funcionalidades do xestor de contidos. O proceso de instalación é sempre o mesmo: descarga do paquete ao noso computador, e dende o menú “Extensións”, na opción “Instalar/Desinstalar” subimos o paquete ao noso servidor. Despois, segundo o tipo de engadido que sexa, haberá que acceder á zona do sistema axeitada para activalo.

Se fose un estilo visual, en “Extensións”, “Xestión de modelos”.

Administración e traballo cotián

Unha vez establecida a xerarquía de contidos e a forma e periodicidade da carga e publicación de contidos é o momento da administración de sistemas que consiste no traballo continuado e silencioso que mantén a vixilancia sobre os servizos instalados e asegura o seu correcto funcionamento.

No caso dos CMS hai unha serie de aspectos que é preciso ter en conta para que o sitio sexa, ademais de informativo, un éxito no longo prazo. O primeiro deles é, pola banda da administración de sistemas, a revisión de logs. Os procesos do servidor van deixando traza das súas actividades nestes arquivos, situados en /var/log/, e pódennos informar de irregularidades. Hai dúas estratexias posíbeis para atender a esta información: empregar unha ferramenta de análise destes logs que faga resumos periódicos e os envíe por correo ao equipo administrador, ou ben, cando xa andamos tras da pista dalgún erro, procurar nos propios arquivos palabras chave, datas concretas ou eventos particulares. En segundo lugar, a inaprazable tarefa de manter o sistema ao día con actualizacións de seguridade. Tanto en Debian como en Ubuntu é un traballo pequeno, pero que nos pode salvar de moitos ataques e sustos.

Por outro lado, xa dentro do espazo de actuación da persoa administradora de contidos, é importante ter presentes os comentarios publicados polas persoas que visitan a propia web (en caso de ter). Ás veces, poden ser obxectivo dos spammers, e outras dos trolls. Se os primeiros son trebellos máis ou menos automáticos dedicados a deixar pegada coa finalidade de obter ligazóns entrantes, os segundos son persoas pouco ou nada razoábeis que teñen por entretemento a provocación “on-line”. Manter o sitio libre de ambas as dúas malas herbas é un traballo complexo. Ás veces é preciso exercer unha moderación intensa sobre o publicado, pero sempre cómpre unha vixilancia sen descanso.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada pola empresa TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0