Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Modelos de Negocio baseados en SwL

Sendo o custe por licenzas nulo na meirande parte dos casos, cómo é que existen empresas rendíbeis adicadas maioritaria ou exclusivamente ao SwL? Cales son os modelos de negocio característicos do SwL?

En liñas xerais pódese dicir que o modelo de negocio no que se sustenta o SwL está baseado na prestación de servizos profesionais. Este modelo é tan clásico como o é o de profesionais especialistas en Economía, Contabilidade ou calquera das ramas do Dereito, por citar só uns cantos exemplos. Do mesmo xeito que neses casos, o coñecemento é aberto pois as leis económicas, contábeis, fiscais, civís ou penais son de dominio público e no entanto, este tipo de profesionais receben ingresos polo seu servizo especializado. En definitiva, asúmese a consolidación do seu modelo de negocio e, de igual modo, debería acontecer o mesmo cos modelos referidos ao SwL.

Son varios os autores que afondaron nas oportunidades de negocio deste modelo xenérico baseado na prestación de servizos. Velaquí algúns deles.

  • Frank Hecker, integrante da Mozilla Foundation, ofrece unha análise titulada “The Business of Open-Source Software” no que sinala os seguintes modelos:
    • Support sellers, venda de servizos relacionados co produto (consultoría, formación, etc)
    • Loss leader, deixa produtos sen custo para promocionar a venda doutros produtos privativos
    • Widget frosting, venda de hardware cos controladores de dispositivos (drivers) liberados
    • Accessorizing, venda de produtos físicos (libros, hardware, etc.)
    • Service enabler, venda de servizos en liña dados polo programa
    • Sell it, free it, como o caso de loss leader pero cíclico, a cada tempo libera traballos
    • Brand licensing, venda de dereitos de marca
    • Software franchising, franquía de marca nun territorio ou mercado xunto con servizos afíns
  • Jesús Glez Barahona, profesor titular de Enxeñaría Telemática na Universidade Rey Juan Carlos I, dispón de moitos artigos relacionados co SwL. Xunto a Vicente Matellán Olivera distinguen os seguintes modelos:
    • Con financiamento externo
      • Quen financia decide normalmente como e en que
      • Normalmente, orientación a producir software
      • En certo modo, adoita ser un tipo de patrocinio
    • Autofinanciados
      • Os ingresos proveñen de actividades da empresa
      • Pode haber ou non desenvolvemento de software
    • Sen financiamento directo
    • Para uso interno
    • Modelos mixtos

Andrés Maneiro ofrece unha boa ampliación sobre os modelos tratados neste apartado.

Tralo amosado ata o de agora nesta guía semella evidente que a venda de SwL é sinxela pois refírese maioritariamente á venda de servizos. Cos distintos modelos de negocio sinalados neste epígrafe, e maila necesaria creatividade comercial, pódense engadir varias fórmulas coas que obter rendibilidade. Considérase unha premisa o coñecemento das súas vantaxes e inconvenientes así como os casos de éxito (aconséllase sinalar casos próximos ao sector e á localización da empresa cliente) así como unha alta especialización da oferta profesional. Engádanse os múltiples concursos públicos solicitando estes servizos así como as subvencións que actualmente as distintas administracións públicas outorgan discriminando positivamente a implantación de SwL.

Cómpre permanecer atentos ao que publique o DOG (Diario Oficial de Galicia) e, máis concretamente ás entidades máis activas neste ámbito: Consellería de Industria e Economía e mailo IGAPE.

A contorna para o asentamento do SwL é realmente favorábel.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada por Roberto Brenlla, consultor en TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0