Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Manual de Thunderbird 3

Que é o Thunderbird e onde se pode conseguir?

O Thunderbird é un cliente de correo electrónico libre e gratuíto, moi áxil, e que consume menos recursos que outras alternativas. A tecnoloxía na que se basea o Thunderbird lévase desenvolvendo dende o ano 1998 no marco do proxecto Mozilla.org e é a mesma que tamén comparte o navegador web Firefox e o paquete de ferramentas Internet SeaMonkey.

O Thunderbird atópase dispoñíbel para sistemas GNU/Linux, Microsoft Windows e Mac/OS coa mesma interface. As instrucións aquí descritas son válidas independentemente do sistema que usemos se non se indica o contrario.

Thunderbird3 1.png
Figura1:Pantalla principal de xestión do correo de Thunderbird

As principais prestacións que ofrece o Thunderbird son:

  • Estándar: Compatibilidade cos principais protocolos estándar de correo electrónico (POP, IMAP, SMTP), o que permite traballar con todo tipo de provedores de Internet (ISP) e de correo electrónico (como o Yahoo Mail! ou o Google Mail).
  • Importación doutros clientes: Permite a importación de datos doutros xestores de correo electrónico facendo posíbel recuperar o correo e os contactos doutros sistemas para aproveitarmos o Thunderbird dende o primeiro día.
  • Mensaxes HTML: Permite o uso de HTML na creación de mensaxes e ofrece a posibilidade de crear mensaxes con diferentes tipos de letra, cores e gráficos dun xeito estándar e compátibel con todos os aplicativos de correo electrónico modernos.
  • RSS: Inclúe un cliente RSS. Podémonos subscribir a canles de blogs e lugares de noticias xestionando de maneira centralizada as novidades dos nosos sitios web preferidos.
  • Filtros de mensaxes: Permite configurar filtros de mensaxes para clasificar automaticamente os correos electrónicos que recibimos de listas onde estamos subscritos, marcalos con diferentes cores, estabelecer diferentes prioridades para as mensaxes que recibimos de certos remitentes, ou simplemente, reenviar automaticamente a outras contas mensaxes que cumpran certos requisitos.
  • Xestión do correo lixo con autoaprendizaxe:Cada mensaxe que se recibe é analizada para determinar se é correo lixo para marcala e separala do resto. Cada vez que se lle indique ao Thunderbird que un correo é lixo o sistema de xestión aprende e mellora futuras deteccións.
  • Protección antifraude: Thunderbird protéxenos coa detección dos correos electrónicos fraudulentos que pretenden obter os nosos contrasinais de correo ou bancarios para nos enganar.

A compañía perfecta para Firefox

Thunderbird 3 é a compañía perfecta para o navegador Firefox. Importa os teus correos e as túas contas de correo electrónico facilmente. Atopa máis rápido a mensaxe que esteas buscando coas súas ferramentas e filtros. Bloquea o spam ata antes de que chegue á túa bandexa de entrada. Un máis que completo lector de correos. Fácil de usar, poderoso e personalizábel, Thunderbird é unha completa aplicación para ler correos. Compatíbel cos protocolos IMAP e POP, ademais do formato HTML. Construído con capacidade para ler RSS, poderoso motor de procura rápida e filtros de mensaxes avanzadas, Thunderbird consegue ser un moderno conxunto de ferramentas. Filtros de correo lixo Cada correo que recibes pasa a través dos filtros para correo lixo de Thunderbird. Así que cada vez que marques unha mensaxe como spam, Thunderbird mellora o seu filtrado para que só ocupes o teu tempo lendo os correos que che importan. Thunderbird ademais usa as túas preferencias para manter o correo lixo fóra da túa bandexa de entrada.

Protección Anti-Phishing

Thunderbird ademais protéxeche dos correos fraudulentos -tamén coñecidos como "phishing"- que tratan de enganarche e sacarche información confidencial como contrasinais ou números de tarxeta de crédito. Thunderbird avísache cando cre que unha mensaxe pode ser fraudulenta e, mediante os seus filtros, asegúrase que nunca vexas estas peticións enganosas.

Seguridade avanzada

Thunderbird protexe a túa bandexa de entrada con características de seguridade avanzadas, incluídos os certificados dixitais e o cifrado de mensaxes. Os adxuntos nunca se executan sen o teu permiso expreso, protexéndoche de moitos vermes e virus.

Actualizacións automáticas

O novo sistema de actualización faicho fácil para conseguir as últimas actualizacións en seguridade e parches para Thunderbird. Estas pequenas actualizacións descárganse automaticamente en segundo plano e avísanche cando están listas para ser instaladas.

Personaliza Thunderbird


Axuda de Thunderbird: Un sitio para axudarche, con PUF Introdución a Thunderbird: O que necesitas saber para empezar a usar Mozilla Thunderbird.

Para desenvolvedores

A Páxina de desenvolvedores(do sitio web www.mozilla.org) que inclúe o código fonte, recursos para desenvolvedores, plans de traballo, etc.

Recursos

Actualizándote desde unha versión anterior? Asegúrate de ler e seguir as nosas instrucións para unha actualización perfecta. Engadir dicionarios Varios Dicionarios para o corrector ortográfico de Thunderbird. Notas de lanzamento Atopa que hai de novo nesta versión. Documentación para o usuario final Documentación, Información, Temas descargábeis, extensións, trucos, etc. PUF Respostas aos problemas comúns dos usuarios de Mozilla Thunderbird. Extensións Fai ao teu aplicativo de mensaxería de correos tan poderoso como che praza coas extensións descargábeis.

  • Axenda de enderezos persoal: Inclúe unha completa axenda de enderezos persoais que permite rexistrar automaticamente os contactos, asignarlles un alcume para poder escribir mensaxes rapidamente ou clasificalos en diferentes grupos.
  • Bandexa de entrada global: Permite ter o correo de diferentes contas nunha soa bandexa de entrada. As contas que non utilizan bandexa de entrada global terán o seu propio grupo de cartafoles e inclúen a súa propia bandexa de entrada.
  • Seguridade: Inclúe funcións criptográficas de cifrado e sinatura dixital que axudan a garantir unha comunicación do correo electrónico dun xeito privado e seguro.
  • Actualizacións automáticas: Incorpora un sistema que comproba se a nosa versión do Thunderbird é a máis recente e permítenos baixar novas versións que proporcionan melloras de xeito automático.

Aínda que se trata de software libre, tanto o nome como o logo da marca "Thunderbir" son propiedade da Fundación Mozilla. Ao non ser copyleft, o seu uso pode implicar incompatibilidades con algunhas licenzas libres. Por este motivo, o Thunderbird da distribución Debian GNU/Linux chámase Icedove e o seu logo é diferente, aínda que se trata do mesmo programa coas mesmas funcionalidades descritas neste manual.

Instalación

O Mozilla Thunderbird pódese descargar de balde do web de Mozilla (http://www.mozilla.com/thunderbird/) ou ben dende o sitio web de mancomun.org (http:/www.mancomun.org/).

A instalación en todas as plataformas é moi sinxela, por este motivo obviaremos a descrición dos pasos necesarios. O que si é importante é coñecer onde garda os datos do noso correo o Thunderbird, xa que esta información é necesaria se necesitamos facer copias de seguridade dos nosos datos ou migracións a outros sistemas. Os datos do usuario (incluíndo o correo e as axendas de enderezos) gárdanse no que se chama o directorio de perfil do usuario. Este directorio é diferente dependendo do sistema operativo que se utilice:

  • No GNU/Linux dentro do directorio do usuario, habitualmente dentro do subdirectorio .Thunderbird.
  • No Windows Vista atópase dentro do directorio de datos do sistema. Xeralmente en "C:\Users\User\AppData\Local\Thunderbird",onde a parte “User” témola que substituír polo noso nome de usuario.
  • No Windows 2000 e XP atópase dentro do directorio de datos do sistema. Xeralmente en “C:\Documents and Settings\User\Application Data\Thunderbird\Profiles\”, onde a parte “User” témola que substituír polo noso nome de usuario.
  • No Windows 95, 98 e ME atópase dentro do directorio onde teñamos instalado o windows (normalmente Windows). A situación habitual é c:\windows\Application Data\Thunderbird\Profiles\
  • No Mac atópase dentro do directorio do usuario, normalmente dentro do subdirectorio Library/Thunderbird/Profiles/.


Configurando a conta de correo

Para poder usar o Thunderbird é necesario configurar a nosa conta de correo. Para isto necesitaremos a Configuración da conta que simplemente cun par de cadros de diálogo guiaranos no proceso de configuración da nosa conta. A Configuración da conta ponse en marcha automaticamente cando iniciamos o Thunderbird por primeira vez ou podémolo pór en marcha manualmente dende o menú Editar| Configuración da conta...| Accións da conta| Engadir conta de correo... .

Unha vez que iniciamos o auxiliar obteremos a seguinte secuencia de pantallas.

Thunderbird3 2.png
Figura 2. Primeira pantalla de Configuración de contas.


Nesta primeira pantalla introducimos os datos básicos da canta que queremos configurar, e dicir o noso nome, o noso enderezo de correo electrónico e o contrasinal.

Unha vez introducidos os datos básicos Thunderbir 3 intenta completar automaticamente os parámetros de configuración da conta de correo, e polo xeral consegue completalos correctamente. Mais estes parámetros ténnolos que facilitar o noso provedor de Internet ou de servizo de correo electrónico vía web (Yahoo!, Gmail ou semellante). Non todos os servizos de correo electrónico vía web permiten a descarga do correo. Terase que consultar a axuda en liña do servizo para determinar se ofrece esta función e obter os parámetros de configuración correspondentes.

Podemos especificarlle se usamos o protocolo POP ou IMAP para recoller o noso correo electrónico. O protocolo POP (Post Office Protocol) é o protocolo clásico para a recepción do correo electrónico e ten algunhas limitacións importantes que foron superadas polo protocolo IMAP (Internet Message Access Protocol). Este novo protocolo, o IMAP, ten moito mellor compatibilidade para a compartición da caixa de correo entre servidor entre diferentes clientes de correo (por exemplo para descargar a mesma caixa desde o traballo e dende a casa) e permite facer buscas de mensaxes ao servidor, entre outras melloras. Se o o provedor permite ambos os dous métodos, recomendamos escoller IMAP.

Para facer efectiva a configuración prememos en "Crear conta"

Thunderbird3 3.png
Figura 3. Segunda pantalla do Configuración de contas.

Configuración de fontes RSS

O RSS (Really Simple Syndication) é un estándar de sindicación de contidos de sitios web. Trátase máis concretamente dun único ficheiro descargábel que contén os titulares e o resumo das noticias dunha web. Iso facilita que estas noticias poidan ser tratadas por diferentes aplicativos (chamados agregadores). Inicialmente o formato RSS foi utilizado para facilitar o intercambio de noticias entre os blogs pero co paso do tempo o seu uso estendeuse tamén a medios de comunicación tradicionais e hoxe en día moitos xornais na súa edición dixital dan servizo RSS.

O Thunderbird, igual que o Firefox, contén un agregador RSS co que nos podemos subscribir a fontes de noticias. Para poder subscribirnos a canais RSS necesitamos antes de nada crear unha conta de RSS. Imos ao menú principal do Thunderbird, escollermos a opción Ficheiro, Novo, Outras contas e obteremos o seguinte asistente de contas:

Thunderbird3 4.png
Figura 4. Primeira pantalla do Asistente de contas.


Escollemos a opción “blogs e canles RSS” que nos creará unha conta coa que posteriormente poderemos asociar as nosas subscricións a canles RSS.

Nesta pantalla escollemos o nome que terá esta conta e baixo o que se clasificarán as nosas subscricións. Podemos deixar a que vén por defecto e máis adiante cambiala se queremos.

Thunderbird3 5.png
Figura 5. Segunda pantalla do Asistente de contas.


Finalmente, na última pantalla, simplemente temos que escoller Finalizar. Agora no panel de Thunderbird, á man esquerda, aparecerá un novo cartafol co nome Blogs e canles RSS. Premendo no botón dereito do rato sobre o nome do cartafol obteremos un menú contextual.

Thunderbird3 6.png
Figura 6. Terceira pantalla do Asistente de contas.


Neste menú contextual escollemos a opción Xestionar de subscricións... que nos amosará o seguinte cadro de diálogo:

Thunderbird3 8.png
Figura 7. Menú contextual de xestión das subscricións.


Con este diálogo poderemos xestionar as nosas subscricións RSS. Por exemplo, podemos escoller a opción “Engadir” para engadir unha nova subscrición. Obteremos o seguinte cadro de diálogo:

Thunderbird3 7.png
Figura 8. Xestor das subscricións RSS


Na canle URL introducimos o enderezo da canle a onde nos queremos subscribir. Neste caso podemos probar coa fonte RSS das novas de Mancomún co enderezo http://www.mancomun.org/index.php?id=22&type=100&no_cache=1. Unha vez introducido o enderezo, o Thunderbird conectarase á fonte RSS que especificamos e obterá o nome do sitio e as noticias máis recentes.

Thunderbird3 9.png
Figura 9. Propiedades da canle RSS


Unha vez engadidas as novas fontes RSS teremos un panel semellante ao da man esquerda onde estará a conta que creamos (Blogs e canais RSS) e baixo dela todas as subscricións. Situándonos sobre a conta e premendo co botón dereito obteremos o menú contextual. Neste menú temos a opción Recibir mensaxes co que podemos indicarlle ao Thunderbird que se conecte ás nosas subscricións e verifique se hai novas noticias.

Thunderbird3 10.png
Figura 9. Recuperación das novas da canle RSS

Instalación dos correctores ortográficos

O corrector ortográfico é unha característica que nos permite revisar a ortografía das mensaxes antes de envialas. Funciona comparando as palabras do texto cun vocabulario (frecuentemente chamado dicionario). Se unha palabra non se atopa no vocabulario, o corrector ofreceranos unha listaxe de palabras próximas para que escollamos unha. Tamén nos dará a opción de engadir palabras ao vocabulario.

Hai moitos vocabularios dispoñibles en diferentes idiomas pero, para os utilizar, primeiro hainos que instalar. Para instalar un novo para o corrector ortográfico do Thunderbird seguimos os seguintes pasos:

1 Baixamos o dicionario do idioma que se queira ao ordenador (por exemplo, podémolo gardar no escritorio).

Idioma Enderezo
Galego (non normativo) http://downloads.mozdev.org/dictionaries/spell-gl.xpi
Inglés http://downloads.mozdeb.org/dictionaries/spell-en_US.xpi
Castelán http://nave.hispalinux.es/productos/extensiones/spellcheck/spellcheck-0.01-es-ES.xpi
Francés http://downloads.mozdev.org/dictionaires/spell-fr-FR.xpi
Italiano http://downloads.mozdev.org/dictionaires/spell-it.xpi

Nas web http://www.softcatala.org/wiki/Thunderbird e http://mozdev.oregonstate.edu/dictionaries/ atoparemos os principais dicionarios dispoñibles para o Thunderbird.

2 Seleccionamos o menú Ferramentas > Extensións e prememos o botón Instalar no xestor de complementos.


Thunderbird3 16.png

Figura 17. Captura de pantalla da instalación de dicionarios.


3 Eliximos o ficheiro do dicionario que descargamos no ordenador e deixamos que se instale. Perdede coidado se despois non aparece o xestor de extensións, iso é normal.

A partir de agora xa poderemos utilizar o dicionario que acabamos de instalar co corrector ortográfico.

Alternativamente, tamén se poden instalar os dicionarios arrastrando as súas ligazóns desde o navegador cara ao xestor de extensións.

-Abrimos o xestor de extensións do Thunderbird accedendo ao menú Ferramentas > Complementos.

-Desde o navegador, arrastramos a ligazón do dicionario que teremos que instalar e levámolo ao xestor de complementos.

-Deixamos que se instale e xa se pode usar.

Unha vez instalados os novos correctores apareceran coma unha nova opción na caixa de corrección ortográfica.

Táboa de atallos de teclado do Thunderbird

Esta é unha listaxe dos atallos de teclado máis habituais no Mozilla Thunderbird. Estes atallos permiten, mediante unha combinación de teclas, acceder rapidamente a funcións do Thunderbird sen ter que usar o rato.

Atallos de xestión de correo
Atallo Función
Control+M Nova mensaxe.
Control+W Pechar (o documento actual).
Control+T Recuperar e enviar todas as mensaxes.
Control+Maiúsculas+T Recuperar todas as mensaxes para todas as contas.
Control+R Responder só a destinatario.
Control+Maiúsculas+R Responder a todos os destinatarios.
Control+Maiúsculas+G Buscar nas mensaxes.
Control+Q Saír do programa.


Atallos de edición
Atallo Función
Control+Z Anular.
Control+Y Repetir.
Control+C Copiar.
Control+V Pegar.
Control+Maiúsculas+V Pegar con barra de cita.
Control+X Cortar.
Control+A Seleccionar todo.
Control+L Inserir unha ligazón.
Control+] Aumentar o sangrado.
Control+[ Reducir o sangrado.
Control+P Imprimir.
Control+Maiúsculas+K Revisar a ortografía.
Control+F Buscar na mensaxe actual.
Control+G Volver buscar.
Control+Maiúsculas+G Buscar a/o anterior.


Atallos de lectura de mensaxes
Atallo Función
F Seguinte mensaxe.
N Seguinte mensaxe para ler.
T Seguinte cadea para ler.
B Mensaxe anterior.
P Mensaxe anterior para ler.
F6 Saltar á seguinte ventá.
Control+0 Restaurar a medida normal do texto.
* Expandir todas as cadeas
\ Reducir as cadeas.


Marca e etiquetaxe de mensaxes
Atallo Función
0 Quitar etiqueta.
1 Etiquetar como Importante.
2 Etiquetar como traballo.
3 Etiquetar como persoal.
4 Etiquetar como Para facer.
5 Etiquetar como Máis tarde.
M Marcar a mensaxe como lida/para ler.
R Marcar a cadea como lida.
Control+Maiúsculas+C Marcalos todos como lidos.
C Marcar como lidas por data.
J Marcar como correo lixo.
Maiúsculas+J Desmarcar como correo lixo.

Xestión avanzada do correo co Thunderbird

Os filtros de correo permiten facer tarefas cotiáns de clasificación do correo electrónico acordo cos criterios que previamente definimos. Estes criterios son aspectos relativos as características da mensaxe, como por exemplo o remitente, o asunto ou a antigüidade en días. Unha vez definidos os criterios, establecemos a acción que se vai executar sobre as mensaxes que os cumpran. Entre as accións máis comúns hai mover ou copiar a mensaxe a outro cartafol, reenviar a outro destinatario automaticamente ou marcalo cunha cor especial.

Podemos acceder aos filtros desde o menú principal do Thunderbird, escollendo Ferramentas e despois a opción Filtros da Mensaxe. De seguido, obteremos a seguinte pantalla:

Thunderbird3 11.png
Figura 11. Xestor de filtros de mensaxes


Dende esta xanela podemos ver os filtros que están definidos actualmente para esta conta de correo e si se atopan ou non habilitados. Para definir un filtro novo, escollemos a opción Novo... e apareceranos a seguinte pantalla:

Thunderbird3 12.png
Figura 12. Pantalla de configuración das Regras de filtrado

No campo Nome do filtro indicamos o nome que queiramos darlle a este filtro. Este nome só serve para identificalo facilmente cando visualizamos a lista de filtros que temos definidos. Esta nova versión de Thunderbird permítenos escoller cando queremos que se execute o filtro mediante a opción Aplicar cando:. Hai que indicarlle ao aplicativo as condicións que se teñen que dar para aplicar o filtro, para o cal temos que escoller entre Coincidir con todo o seguinte, Coincidir con calquera do seguinte ou Coincidir con todas as mensaxes. Premendo no elemento Asunto obteremos a lista de campos relacionados ca mensaxe (remitente, destinatarios, etc.). Premendo en Contén obteremos as condicións (contén, non contén, etc.) que podemos establecer para que o criterio sexa certo. E, finalmente, podemos definir o texto do campo, neste caso o texto é [l10n].

Na segunda parte da pantalla podemos escoller a acción que se debe levar a término cando se cumpra o criterio definido anteriormente, neste caso débese mover a mensaxe a unha nova carpeta. Unha vez establecidas estas cuestións, prememos o botón Aceptar. Rematamos de crear un filtro de correo que moverá de maneira automática a unha nova carpeta as mensaxes que conteñan o texto [l10n] como parte do asunto da mensaxe. Este é un exemplo sinxelo de como se poden clasificar automaticamente as listas de correo ás cales estamos subscritos.

Xestión de contactos

O Thunderbird ofrece axendas de direccións por medio das cales podemos xestionar os contactos.

Podemos crear unha ficha para cada persoa indicando o nome, o enderezo de correo electrónico, o teléfono e outra información de contacto relevante.

Para acceder á xestión de axendas de enderezos, imos ao menú principal do Thunderbird, escollemos a opción Ferramentas e despois axenda de enderezos. Obtemos da pantalla seguinte:

Thunderbird3 13.png
Figura 13. Xestor da axenda de enderezos.


Dende esta pantalla podemos crear axendas de enderezos e novas tarxetas, que nos serven para clasificar os contactos. Para crear unha tarxeta de contacto nova, imos ao menú principal do Thunderbird e escollemos a opción Ficheiro>Novo>Contacto da axenda de enderezos feito isto teremos a seguinte pantalla:

Thunderbird3 14.png
Figura 14. Pantalla de creación dunha nova tarxeta.


Como podemos ver, nesta pantalla podemos definir todos os detalles dos nosos contactos. Os datos máis importantes son o nome e o enderezo electrónico, posto que é a información que o Thunderbird empregará cando escollemos enviar unha mensaxe á persoa á cal pertence esta tarxeta. Tamén é importante o alcume, que nos permite establecer un atallo para esta tarxeta, de forma que empregando o alcume podemos referirnos a esta persoa.

Outra opción moi potente do Thunderbird son as listas de correo, que nos permiten referirnos cun único nome a un grupo de contactos.

Por exemplo, podemos crear unha lista dos amigos que avisamos cando queremos ir ao cine. Para crear unha lista de correo nova, prememos a a opción Nova lista e apareceranos a seguinte pantalla:

Thunderbird3 15.png
Figura 15. Pantalla de configuración das roldas de correo.


Como vemos, podemos agrupar os contacto dunha maneira sinxela e despois referirnos conxuntamente empregando o alcume que incluímos na lista.

Novidades desta versión

As novas características de Thunderbird 3 axudarán aos usuarios a traballar máis rápido ao tempo que ofrecen a flexibilidade e a seguridade ás que nos teñen afeitos en todas as versións de Thunderbird.

As novas características máis destacadas deste novo lanzamento inclúen:

  • Cambios na barra de ferramentas. Cambiouse a disposición das iconas de Responder, Reenviar e demais. Xa non están na barra superior, se non xusto enriba da mensaxe que estamos lendo. Deste xeito no se perderá tempo en mover o rato dun lado a outro de la pantalla.
Erro ao crear a miniatura: O ficheiro non se dá atopado
Figura 17. Cambios na disposición dos botóns.
  • Correo con separadores: ofrece a capacidade de mostrar correos e cartafoles en separadores, e mesmo páxinas web, empregando engadidos. Deste xeito, os usuarios poderán ir saltando entre os distintos separadores, do mesmo xeito que manexamos as páxinas web en mozilla Firefox. Thunderbird mesmo recordará os separadores dos cartafoles ao arrancar.

Para abrir unha mensaxe nun separador, simplemente seleccionase unha mensaxe e premendo o botón dereito e escollese Abrir mensaxe nun novo separador.

Erro ao crear a miniatura: O ficheiro non se dá atopado
Figura 18. Navegación con separadores.
  • Busca filtrada: Deseñada pensando na busca, a nova interface de busca en Thunderbird 3 contén ferramentas para o filtrado e para consultar o histórico, que axudarán aos usuarios a atopar o correo exacto a partir da coincidencia das palabras, destinatarios ou mesmo tipos de anexos.
Thunderbird3 19.png
Figura 19. Busca filtrada.
  • Arquivado de correo
  • Axenda “un-clic”: permite engadir xente á nosa axenda simplemente premendo na icona de estrela que aparecerá nas mensaxes recibidas de novos contactos
Erro ao crear a miniatura: O ficheiro non se dá atopado
Figura 20. Engadir un contacto cun só clic.
  • Novo asistente de configuración de contas de correo: Comezar con Thunderbird 3 é máis sinxelo que nunca. O novo asistente só preguntará un par de datos simples, como a conta de correo e o contrasinal, no canto dos parámetros IMAP, SMTP, SSL/TLS.
  • Cartafoles intelixentes: combina caixas de correo individuais para axudarnos a xestionar múltiples contas de correo nun só punto
  • Xestor de engadidos
  • Mellor integración con Gmail
  • Mellor integración con Windows e Mac OS X
  • Motor Gecko 1.9.1: O mesmo motor de renderizado de páxinas e a mesma infraestrutura de imaxes que emprega Firefox
  • Actualizacións automáticas

Recoñecementos

Este traballo está baseado na obra "Thunderbird i Gaim - Eines d'Internet - Quaderns de Formació Tecnològica" de Jordi Mas i Hernández (autor orixinal da obra), Edit Lin (editorial) e a Regidoria Ciutat del Coneixement de l'Ajuntament de Barcelona (responsable do proxecto)