Manual de Pidgin de Mancomun.org
Índice
Introdución
Manter conversas a través da rede é unha actividade humana recente: a xente fala a través da Internet sen vérense a cara e sen oírense a voz. Xesticulan con emoticonas (smileys) e en xeral cóllense unhas confianzas que en vivo e en directo poucos se permiten.
As canles de conversas, e máis recentemente os mensaxeiros instantáneos cara a cara, nunca gozaron de moi boa fama. E malia iso xogaron e xogan un papel fundamental no crecemento e na adopción da Internet. Mudaron a vida de moitos usuarios, permitíndolles ampliar o seu círculo de amizades. Algúns deles namoráronse e casaron grazas a estas conversas, fenómeno cada vez menos exótico. E ben, esta reputación está a mellorar agora que os programas de mensaxería instantánea se converteron tamén nunha ferramenta de traballo cada vez máis habitual nas actividades profesionais.
Quen queira dar os seus primeiros pasos neste terreo e quen leve anos facéndoo atopará no Pidgin (http://pidgin.im/) unha ferramenta versátil que lle servirá case para todo. O Pidgin é o cliente libre de mensaxería instantánea máis popular, nos seguintes apartados veremos o por que. O factor (principal, determinante...) é a súa compatibilidade coa maioría de redes existentes (Jabber, IRC, MSN, Yahoo, Google Talk, ICQ...). Lonxe de quedar pechados nunha soa rede, podemos ter conversas con contactos repartidos por todas elas.
Quen dá máis?
Vida intelixente fóra do Messenger
Para moitos usuarios as conversas e a mensaxería instantánea equivalen ao MSN Messenger, sen saber que hai moito máis fóra desta rede pechada. Houbo outros protocolos e redes hexemónicas no pasado, coma o IRC (o protocolo de conversas por excelencia) e ICQ (a primeira rede de mensaxería instantánea utilizada masivamente). Hai outras redes pechadas promovidas por outras multinacionais como Yahoo! ou AIM. E hai redes abertas emerxentes como Jabber e Google Talk, baseada tamén no protocolo Jabber.
Por que pechármonos nunha soa rede se podemos ter contactos interesantes en diversos contornos? O Pidgin é unha porta a todos eles.
Mensaxeiro todoterreo
A principal achega feita polo Pidgin ao Software Libre é ofrecer un só programa capaz de se comunicar con múltiples protocolos de conversas e mensaxería instantánea. É dicir, normalmente usariamos un programa para conversas do IRC, outro para comunicármonos na rede MSN de Microsoft, outro para as nosas comunicacións con ICQ... e así co resto. O Pidgin reúneos a todos:
- Jabber é o protocolo de mensaxería por excelencia da comunidade Software Libre. A súa popularidade é crecente e esta tendencia estase a incrementar exponencialmente con Google Talk, o servizo de mensaxería e voz sobre IP do popular buscador da Internet.
- MSN é a rede do coñecido Messenger de Microsoft e probablemente non requira máis presentacións.
- Yahoo! é outra rede que compite con algunhas das que xa se nomearon aquí e conta cunha gran base de usuarios.
- IRC é o clásico protocolo de conversa e aínda que xa non está tan de moda coma antes segue a ser amplamente utilizado. Especialmente na comunidade da programación libre, onde as salas de conversa constitúen unha canle de axuda e colaboración instantánea.
- AIM, o protocolo de mensaxería utilizado polo enorme provedor da Internet AOL. A denominación Pidgin tivo esta referencia inicialmente, aínda que AOL non ten nada que ver co desenvolvemento desta aplicación.
- ICQ, o primeiro protocolo de mensaxería aberto a toda a Internet, moi popular nos anos 90 e bastante en declive na actualidade.
- ... e máis: SILC (para comunicacións seguras), GroupWise de Novell, Zephyr (moi veterano e aínda utilizado nalgunhas universidades) e Gadu-Gadu (moi popular en... Polonia).
Co Pidgin podemos manter conversas de forma simultánea en todas estas redes, sen importar o cliente que estean utilizando os nosos contactos. Pidgin é tamén todoterreo noutro sentido: a súa compatibilidade. Sendo nativo de GNU/Linux, ten versións dispoñibles para MS Windows, Mac OS X e BSD. Todo isto garante a interconectividade con toda clase de usuarios.
Crear e xestionar múltiples contas
A primeira vez que utilicemos o Pidgin teremos que engadir como mínimo unha primeira conta para poder operar co programa. A rede IRC non require dispoñer dunha conta para se conectar, pero o resto das redes de mensaxería instantánea si. Iso débese ao feito de que estas redes dispoñen de servidores que notifican se os nosos contactos están conectados neste preciso momento e, ao revés, comunícanlles aos nosos contactos o noso estado actual na rede.
Para crear máis contas e xestionalas temos que premer en Contas no menú de opcións do Pidgin e despois seleccionar Xestionar Contas. O Pidgin ofrécenos a posibilidade de nos rexistrar na rede de Jabber, xa que é aberta. Simplemente temos que engadir unha nova conta seleccionando o protocolo Jabber e a opción de rexistrala nun servidor. Pero o Pidgin non pode facilitarnos os rexistro nas redes privadas, por seren pechadas. Polo tanto, teriamos que dispoñer en primeiro lugar dunha conta na rede que nos interese e despois dala de alta no Pidgin para poder operar con ela. O web do Pidgin ofrece enlaces ás páxinas de rexistro das principais redes de mensaxería instantánea (http://developer.pidgin.im/wiki/Using%20Pidgin#HowdoIregisterforanewaccount). Unha vez que teñamos as contas creadas podemos decidir se queremos activalas todas cando arranquemos o Pidgin ou só algunhas, mediante o mesmo diálogo de configuración de Contas.
Neste mesmo menú atoparemos unha lista das nosas contas, coa opción de editalas, mediante a que podemos configurar cada unha das contas segundo os parámetros que nos permite a rede. Por exemplo, nas contas de Jabber podemos mudar o contrasinal, nos de MSN podemos definir os nosos números de teléfono, nas contas do IRC podemos establecer a frase do día...
Contactos en cada rede
Na ventá Listaxe de contactos temos os nosos contactos, organizados por grupos se así o preferimos. Podemos telos todos á vista ou deixar que o programa nos amose só aqueles contactos conectados. Podemos engadir novos contactos premendo en Contactos no menú de opcións do Pidgin e seleccionando Engadir un contacto. Para engadir un novo contacto temos que saber:
- Nome do usuario: hánolo facilitar el/ela, ten o aspecto dunha conta de correo electrónico pero non necesariamente será o seu correo.
- Alcume: o nome que lle queiramos dar na nosa listaxe de contactos.
- Grupo: en que grupo o queremos engadir, dos que creamos para organizar os nosos contactos.
- Conta: desde que conta nosa queremos enlazar co novo contacto. Iso define a rede na que se efectúa o novo contacto. Se queremos engadir un contacto que ten conta no MSN temos que ter nós tamén unha conta no MSN, o mesmo en Jabber, etc.
Polo tanto, cando imos engadir un novo contacto temos que definir en que rede se sitúa. Se algún nos dá os datos de usuario tennos que especificar a que rede corresponde. Non coñecer este detalle sitúanos nunha posición semellante á de non saber o prefixo do país dun número internacional. Podemos probar e igual acertamos, mais igual non.
Cando damos de alta un contacto, o Pidgin notifícallo ao servidor da correspondente rede, quen á súa vez envía unha notificación ao usuario que queremos engadir, avisándoo da nosa acción e preguntándolle se confirma este contacto e se o acepta. É dicir, se Anxo dá de alta a Silvia nos seus contactos de Jabber, Silvia recibe unha notificación avisándoa de que o usuario chamado Anxo a engadiu aos seus contactos, e onde se lle pregunta se desexa ela dar de alta a Anxo na súa listaxe de contactos. Unha vez confirmadas as dúas partes, o contacto bilateral establécese e non fai falta tocalo máis.
Cómpre ter en conta que cada rede garda as nosas listaxes de contactos nos seus servidores. Iso implica que non necesitamos exportar/importar contactos se mudamos de programa, sistema operativo, situación... Simplemente conectamos coas nosas contas e os nosos contactos aparecerán automaticamente.
Podemos engadir salas de conversa como contactos, seleccionando a opción Engade unha conversa. Normalmente as salas de conversa créanse e atópanse en servidores IRC, e temos que crear unha conta IRC para participar nelas ou crear as nosas.
As salas de conversa son puntos de encontro estables de grupos. A súa difusión e convocatoria funciona igual que calquera outro punto de encontro: ou ben alguén a monta e nos dá os datos de acceso (servidor IRC e nome da sala) ou ben a montamos nós e promovémola para que o noso círculo saiba que existe. Para crear a nosa sala de conversa só fai falta acceder a unha sala cunha denominación non utilizada por ninguén: é un proceso instantáneo e sinxelo.
Uso proveitoso das conversas
O Pidgin é un programa relativamente pequeno e con poucos misterios. Se xa temos certa práctica nas artes da conversa en liña seguramente nos acostumaremos rapidamente. En caso contrario, cunha horiña de dedicación ou menos xa comezaremos a dar os nosos primeiros pasos. Non pode ser complicado, dado o éxito masivo que teñen os programas de conversa para usos, chamémoslles, lúdico-sociais. De seguido damos algúns consellos para utilizar o Pidgin como ferramenta de aprendizaxe e soporte no noso traballo, nos nosos proxectos.
Sempre aberto
Hai unha arte posible de dominar que consiste en ter sempre abeto o Pidgin, por se acaso, sen pasar o día colgados a conversas innecesarias. Se somos dos que pasamos horas diante dun ordenador conectado, esta arte interésanos. Ter activo o Pidgin pódenos servir para estar localizables instantaneamente se así o queremos, para facerlles consultas aos nosos contactos, para permanecer en salas de conversa de temáticas interesantes rexistrando a súa actividade...
Mostra da variedade de mensaxes de ausencia que podemos escoller e crear.
Hai algunhas técnicas que nos axudarán a atopar o proveitoso equilibrio:
- Na ventá Listaxe de contactos temos a opción Ausencia que nos permite definirlles o noso grao de dispoñibilidade ás persoas que queiran contactar con nós. Podemos indicarlles aos nosos contactos “Non molestedes se non queremos que nos interrompan, a non ser que sexa algo urxente”. Ou podemos deixar claro que temos unha predisposición de “Charla se estamos na situación contraria”. Tamén podemos crear as nosas propias mensaxes personalizadas definindo unha Mensaxe de ausencia nova.
- O Pidgin pode avisarnos da chegada e saída dos nosos contactos, superpoñendo a súa ventá nun primeiro plano para que vexamos que contacto está mudando de situación. Podemos desactivar esta opción para traballar máis tranquilos. Podémolo definir no diálogo de Preferencias (Ctrl+P), premendo en Listaxe de contactos no menú da esquerda e seleccionando a opción Notificación con ventás emerxentes.
- Os sons que anuncian notificacións son unha ferramenta moi útil que nos permiten definir o grao de intrusión do Pidgin no noso traballo. Podemos telo completamente en silencio ou pódenos avisar diante de calquera notificación, cunha manchea de opcións intermedias. Unha opción moi útil para os que frecuentan as salas de conversa é a que emite un só son cando alguén menciona o noso usuario. Iso permítenos permanecer en múltiples salas de conversa sabendo que se somos requiridos nalgunha o Pidgin avisaranos.
Para definir a política sonora temos que ir a Preferencias (Ctrl+P) e premer en Sons. A opción anterior configúrase seleccionando “Alguén di o voso nome nunha conversa”. Tamén podemos modificar o son que se quere emitir en cada tipo de notificación, elixíndoo desde un máis discreto ata un máis forte.
Explorar o conxunto de Preferencias levaranos moi pouco tempo e axudaranos a configurar as opcións máis interesantes de acordo coas nosas necesidades. Se queremos ter o Pidgin aberto en todo momento paga a pena dedicarlle un momento a repasar as opcións dispoñibles e facer que o Pidgin traballe de acordo coas nosas necesidades.
Transmisión directa de ficheiros
Do mesmo xeito que mediante a mensaxería instantánea intercambiamos palabras, tamén podemos intercambiar ficheiros. Esta utilidade é moi práctica por exemplo en situacións de traballo. Pódenos aforrar o feito de abrir un novo correo e anexar o ficheiro se temos o noso contacto en liña. Tamén nos pode facilitar a transmisión de ficheiros de gran volume, que por veces se corrompen nos envíos por correo. A transmisión de ficheiros é unha acción ben sinxela, tan só precisamos ter unha conversa aberta co destinatario e premer na opción “Enviar o ficheiro que nos aparece na ventá”. A través do IRC non podemos facer o envío á sala de conversa, só a usuarios concretos abrindo as respectivas ventás de diálogo. Cando o noso interlocutor nos quere enviar un ficheiro o Pidgin abre unha ventá de confirmación. No caso de que o receptor acepte o envío, iniciarase a transmisión. Esta é unha medida que impide que alguén nos envíe ficheiros contra a nosa vontade. Pero cómpre dicir, que para determinadas redes e en determinadas circunstancias a transmisión de ficheiros pode estar desactivada, por exemplo se un dos dous usuarios se atopa nunha intranet configurada de xeito restritivo.
Rexistro de conversas
Canto máis frecuente e serio sexa o uso que facemos da mensaxería instantánea e das canles de conversa, máis útil e recomendable é gardar o rexistro das conversas. Hai empresas que teñen os seus traballadores repartidos e que utilizan a mensaxería para cuestións de traballo.
Hai organizacións descentralizadas que se reúnen periodicamente en salas de conversa. Hai empresas e proxectos que teñen abertas as canles de conversa para a atención de clientes e usuarios. En fin, existen múltiples usos serios de conversa e mensaxería instantánea onde se utiliza información que nos pode resultar tan útil de gardar como os correos ou os arquivos. Por defecto o Pidgin non rexistra as conversas. Para activar esta opción temos que abrir o diálogo de Preferencias (Ctrl+P), premer en Rexistro e seleccionar os datos que queremos rexistrar.
Para consultar o rexistro de conversas dun usuario temos que premer en Contactos no menú da ventá Listaxe de contactos e seleccionar “Ver rexistro do usuario”. Podemos consultar o rexistro polos datos de conversa ou utilizar directamente o buscador de palabras que incorpora a ventá do rexistro.
Facendo unha busca o Pidgin amósanos todos os rexistros onde figura o termo buscado, resaltándoo no texto. Se facemos un uso serio do Pidgin é recomendable rexistrar as conversas. O texto ocupa pouca memoria no noso disco duro e é probable que algún día necesitemos lembrar un dato mencionado nalgunha das nosas conversas. Mentres que a nosa listaxe de contactos se garda no servidor da correspondente rede, os rexistros das nosas conversas gárdanse só localmente no ordenador. É dicir, se un día mantemos unha conversa vía Jabber cun compañeiro de traballo desde un cibercafé, esta conversa non a teremos dispoñible nos rexistros do Pidgin na casa ou na oficina. Iso si, podemos gardar unha conversa coma un ficheiro de texto simple que despois podemos gravar nun disco ou enviarnos por correo.
Outras vantaxes importantes
· Unificación de contactos: pódese agrupar contactos coma se fosen un só, isto é moi útil para cando se dispón de varias veces dun mesmo contacto pero en distintos protocolos.
· Alcumos personalizados: pódese cambiar o alcumo (nick) con que vemos ao contacto (ou grupo de contactos) permitíndonos identificalos dun xeito máis cómodo e fácil.
· Rexistros: Pódense gardar automaticamente as conversacións, así como eventos dos contactos. Estes rexistros pódense gardar en texto plan ou en HTML, son ordeados por conta/contacto/data e dispón dunha interface de exploración e procura.
· Separadores: As conversacións pódense facer por ventá individual ou todas xuntas nunha mesma ventá usando separador (opción por defecto), isto último é moi útil xa que no título do separador indícanos por cores quen está escribindo unha mensaxe (verde) ou se hai mensaxes por ler (vermello).
Tamén se pode usar a combinación de teclas Ctrl PgUp ou Ctrl PgDw para moverse entre separadores, evitando o uso do rato.
· Avatares: Dispoñibles para ICQ, E! e MSN. Na lista de contactos son visualizados os avatares dos mesmos, e na ventá de conversación é posible gardar unha copia do mesmo.
Recoñecementos
Este traballo está baseado na obra "Thunderbird i Pidgin - Eines d'Internet - Quaderns de Formació Tecnològica" de Jordi Mas i Hernández (autor orixinal da obra), Edit Lin (editorial) e a Regidoria Ciutat del Coneixement de l'Ajuntament de Barcelona (responsable do proxecto)