Manual de Firefox 3.x
A continuación presentamos un breve manual de Firefox 3.x que agardamos ir ampliando e mellorando. A edición deste documento está aberta á colaboración de todo aquel que estea interesado. Grazas por adiantado pola vosa colaboración!
Índice
Historia do proxecto Mozilla
Firefox é un navegador multiplataforma (funciona tanto en Windows coma en GNU/Linux ou Mac OS X) nacido no seo do proxecto Mozilla. Foi concibido para ser un programa rápido e innovador que logo se converteu en todo un referente.
Mozilla é o nome dun dos proxectos de programación libre máis importantes da actualidade, centrado na creación de innovación tecnolóxica na Internet.
A súa orixe remóntase ao ano 1998, coa cesión á comunidade do código fonte do paquete de aplicacións da Internet Netscape Communicator.
Baixo a supervisión do grupo de traballo mozilla.org, e posteriormente coa fundación do mesmo nome, o código liberado recibiu unha profunda revisión e reescritura que finalmente conduciu, o 5 de xuño de 2002, á saída da primeira versión estable de Mozilla, unha aplicación baseada no antigo Netscape Communicator que integraba navegador, cliente de correo, conversa IRC e creación de páxinas web.
Firefox naceu como unha rama experimental, que daquela era concibida a miúdo como unha aplicación pesada de máis para a maioría dos usuarios de Internet. Despois de diferentes mudanzas de nome e de imaxe, xunto cunha progresiva evolución tecnolóxica, culminou coa aparición da versión 1.0 o 9 de novembro de 2004. Desde esta data foron achegándose máis e máis innovacións e converteuse, grazas ao ilimitado potencial que representan as súas extensións, nunha das aplicacións líder do panorama informático actual. Paralelamente a Firefox, tamén se foi desenvolvendo Thunderbird, orientado á xestión do correo electrónico, do que tamén existe un manual no wiki de mancomun.org.
Aínda que se trata de software libre, tanto o nome como o logo da marca "Firefox" son propiedade da Fundación Mozilla. Ao non ser copyleft, o seu uso pode implicar incompatibilidades con algunhas licenzas libres. Por este motivo, o Firefox da distribución Debian GNU/Linux chámase Iceweasel e o seu logo é diferente, aínda que basicamente se trata do mesmo programa coas mesmas funcionalidades descritas neste manual.
Tecnoloxía Mozilla e estándares web
Un dos principais atractivos da tecnoloxía do proxecto Mozilla é que está intimamente ligada co mesmo web. Gran parte do código dos programas Mozilla está escrito nas mesmas linguaxes (XML, CSS, JavaScript) coas que todo o mundo crea e deseña páxinas web e controla a súa interactividade.
En 1994 Tim Berners-Lee, pai da World Wide Web, fundou o World Wide Web Consortium (W3C), un consorcio creado para garantir o mutuo entendemento entre todos os actores involucrados na creación de aplicacións e sitios web na Internet.
Desgraciadamente, ao longo da chamada primeira guerra dos navegadores, acentuouse a falta de compromiso respecto disto e cada fabricante acabou adoptando algunhas especificacións propias diferenciadas das do competidor, o que lle afectou globalmente de xeito negativo á compatibilidade e accesibilidade da Web.
Iso provocou que certas páxinas só fosen accesíbeis desde certos navegadores (normalmente o Internet Explorer) condicionando así a liberdade de elección do usuario e restrinxindo a extensión de uso de diferentes programas e dispositivos.
A emerxencia do proxecto Mozilla e o seu firme compromiso polos estándares web (http://developer.mozilla.org/en/docs/Web_Standards) ao mesmo tempo que a popularidade cada día maior dos seus programas, está a mudar a situación na que nos atopabamos hai uns anos.
Se deseñamos páxinas web, debemos ter este compromiso diante dos nosos futuros usuarios. Por outra banda, se non podemos acceder a un sitio web e sospeitamos que é por algún dos motivos anteriormente descritos, non teñamos dúbidas tampouco en contactar co webmaster para que o solucione.
Vista Xeral da interface
A xanela principal de Firefox inclúe menús, botóns, barras de ferramentas e unha caixa de busca. A seguinte imaxe mostra a xanela principal:
Número | Característica | Descrición |
1 | Menús | Proporcionan diferentes accións para navegar con Firefox. |
2 | Botóns de navegación | Úsanse para navegar pola rede. Inclúen os botóns de "retroceder", "avanzar", "recargar" e "inicio". |
3 | Barra de marcadores | Esta barra úsase para navegar e engadir marcadores. |
4 | Barra de navegación | É unha caixa de texto onde introduciremos o enderezo da páxina que queiramos visitar. |
5 | Ferramentas para editar marcadores | Permítenlle eliminar, nomear, mover ou etiquetar un marcador. |
6 | Caixa de busca | Caixa de texto na que se poder escribir un texto que queiramos buscar en diferentes motores de busca. |
7 | Separadores | Permítenlle abrir múltiples páxinas web ao mesmo tempo e pasar de unhas a outras premendo en cada separador. |
8 | Barra de estado | Mostra o estado actual da páxina web, e cousas como alertas de seguridade. |
9 | Contido principal | Amosa a páxina web actual. |
Ir a un sitio web usando Firefox é doado. Simplemente introduza un enderezo de web (tamén coñecido como "URL", "Uniform Resource Locator) na barra de direccións e prema Intro.
Non fai falta escribir "http://" no inicio do enderezo. Mentres está escribindo, Firefox busca nos títulos e etiquetas de páxinas visitadas e nos marcadores,e nos enderezos web visitados, facendo suposicións de que sitios ou páxinas desexa visitar. Desta forma, se non se lembra do enderezo ou título dunha páxina que visitou, pode escribir algunhas palabras do título da páxina e Firefox halle presentar algunhas suxestións.
Esta potente característica de de procura da barra de navegación é a razón pola que algúns desenvolvedores do Firefox lle chaman cariñosamente a Awesome Bar (a barra marabillosa ou impoñente).
Pode usar a tecla de frecha para abaixo ou o rato para destacar a URL do sitio web que desexe visitar. Prema Intro ou faga clic na súa selección. Irá á páxina web que seleccionou.
A Barra de Navegación aprende os sitios que visita con máis frecuencia e optimiza a lista de resultados para combinar co seu estilo persoal. Despois de algunhas semanas, pode esixir tan pouco como escribir unha única letra na barra de localización para chegar a páxinas visitadas con frecuencia.
Buscar palabras clave na web
Se introduce texto na barra de navegación que non é un enderezo válido de Internet, Firefox tenta levalo ao lugar ao que cre que vostede quere ir.
Firefox primeiro intenta enviar a súa solicitude a un servizo de busca en Internet. O servizo predeterminado que se empregará é a busca en "navegar por palabras" de Google. Por exemplo, se vostede escribe "Mozilla Foundation" na barra de localización, Firefox envía o texto a Google, pois non é un enderezo URL válido. O servizo levarao ao resultado que mellor se axeite, neste caso: http://www.mozilla.org. Se introduce un texto sen correspondencia clara con unha URL, o Firefox mostra os resultados de busca para a entrada.
Adiviñación de dominios
Se vostede escriba un enderezo web incompleto, Firefox tratará de "corrixir" o enderezo, engadindo un prefixo, sufixo ou ambos, para o texto que vostede escriba. Por exemplo, se vostede escribe "www.mozilla" na barra de localización, Firefox engadirá".com" para completar o enderezo. Se escribe "mozilla.org" Firefox engade o prefixo "www." para completar o enderezo. Esta "adiviñación" é secundaria á busca de palabras clave en Internet descrita anteriormente, e non funciona se "buscar palabras clave na web" está activado.
Se quere máis información sobre a busca por palabra clave e a adiviñación de dominios, pode consultar o seguinte artigo: http://support.mozilla.com/kb/Location+bar+search .
Limpar o historial
Firefox mantén un historial das páxinas web que visitou. Emprégase para xerar suxestións cando teclea na barra de navegación. No entanto, vostede pode non querer que o historial das páxinas que visitou se garden no seu computador.
Pode eliminar elementos do historial de un en un ou todos os do historial da barra de navegación. Vexamos como se fai isto:
Eliminar un único elemento:
1. Prema na frecha cara abaixo da barra de navegación.
2. Empregue as frechas do teclado ata chegar ao elemento que quere eliminar (ou poña o rato sobre el)
3. Prema a tecla Suprimir para eliminar o elemento. Recorde que este é só un exemplo. Non nos borre do seu historial!
Tamén se poden eliminar varios elementos do historial empregando "limpar o seu historial recente", dentro do apartado privacidade das preferencias de Firefox. Falaremos disto máis adiante
Separadores
Unha das características máis populares de Firefox son os separadores. Grazas a eles, todo o mundo pode ter o contido polo que está a navegar dun xeito máis accesible e non con múltiples xanelas esparexidas por todo o escritorio.
Navegador con varios separadores abertos.
Á parte de poder abrir e pechar separadores desde o menú principal, tamén podemos xestionalos premendo o botón secundario do rato sobre a barra de separadores. Ademais, pódese utilizar comodamente o teclado para abrir (Ctrl+T) e pechar (Ctrl+W) separadores.
Tamén podemos mover e reordenar os separadores segundo nos conveña premendo enriba dun deles e arrastrándoo a onde queiramos.
Un truco bastante útil é recorrer ao botón do medio ou, alternativamente, á combinación do botón primario (esquerdo) e do secundario (dereito) do rato, premendo nunha ligazón dentro dunha páxina. Facendo isto, abrirase inmediatamente a páxina nun novo separador non nunha nova ventá. Se preme co botón do medio nun separador, este pecharase, tal como se premese na iconiña do "X" de cada separador.
O comportamento do navegador respecto aos separadores pode modificarse en Editar/Preferencias/Separadores. Por exemplo, pódese configurar a forma na que se abrirá unha páxina desde unha aplicación externa (p.ex. un cliente de correo), nun novo separador ou nunha nova ventá.
Marcadores
Os marcadores, que reciben o nome de favoritos en navegadores como o Internet Explorer, son unha selección de ligazóns de enderezos web que consideramos interesantes como para poder visitalos nun futuro. A xestión dos marcadores de Firefox é un dos seus puntos fortes.
Para engadir un novo marcador, podemos elixir a opción Marcar esta páxina, á que podemos acceder desde o menú Marcadores ou ben premendo no corpo da páxina co botón secundario do rato. Do mesmo xeito, tamén podemos facelo premendo co botón secundario do rato nunha ligazón dunha páxina. O atallo de teclado predeterminado é Ctrl+D.
Se temos unha morea de separadores que conteñen páxinas que queremos engadir aos marcadores, tamén existe a opción Marcar todos os separadores que nos permite facer todo dunha vez. Poderemos chegar a esta opción premendo co botón secundario na barra de separadores de Firefox.
Se abrimos o xestor de marcadores desde o menú Marcadores->Organizar os marcadores, podemos organizalos ao noso gusto cunha maior comodidade. Esta ferramenta inclúe tamén opcións de importación e exportación que nos facilita o traspaso de marcadores entre computadores e usuarios.
Marcadores dinámicos
Existe un tipo especial de marcadores, coñecidos como Marcadores dinámicos. Estes marcadores dinámicos son, en resumo, o xeito que proporciona Firefox para recibir e poder ler fontes RSS, ATOM ou calquera outra forma de sindicación web.
Moitos sitios web informan das súas fontes de sindicación cun botón laranxa con algúns dos acrónimos anteriormente citados, e tamén o anuncian no Firefox cunha icona laranxa que aparece na marxe dereita da barra de localización. Se prememos nela, podemos engadir a canle correspondente como se fose calquera outro marcador. A continuación este engadirase onde se elixa coma un novo cartafol. Os elementos que contén iranse actualizando periodicamente no noso navegador sen que teñamos que facer nada máis. Esta é unha magnífica forma de estar ao día en canto a contidos xerados nas nosas webs favoritas.
Historial
As referencias de todos os sitios web que se visiten acumúlanse nun historial de navegación. Pode accederse a el facilmente a través da barra lateral con Ver->Barra lateral->Historial ou premendo Ctrl+h.
Na lista que se mostrará é posible buscar algún texto que identifique o título das páxinas, como tamén ordenala e visualizala en función da data, o sitio ou a frecuencia e momento da visita.
É posible definir o número de días que queremos que o Firefox lembre no historial as páxinas que se visitan. Podemos facelo desde Editar->Preferencias->Privacidade, onde teremos que escoller Firefox: Usará unha configuración personalizada para o historial. Tamén poderemos, dende aquí, marcar interesantes opcións, como a de Limpar o historial ao pechar Firefox, ou Iniciar Firefox de maneira automática nunha sesión de navegación privada. Falaremos desta opción máis adiante.
Seguridade en Firefox
Seguridade contra Phishing
Firefox conta con varias características de seguridade que lle axudarán a manterse a salvo cando navegue por Internet.
Cando visite unha páxina que foi catalogada como falsificación, Firefox avisaralle, dun xeito bastante gráfico:
Pode comprobar se ten activada a protección anti-phishing visitando esta páxina de proba. Se está activado, recibirá un aviso coma o da imaxe anterior.
O botón de identidade da páxina
Esta é unha característica de Firefox que lle dará unha información moi valiosa que lle axudará a asegurarse de que non está a dar datos persoais a quen non debe. Entre a información que este botón nos dará atoparemos:
- A quen pertence a páxina
- Quen verificou a propiedade da páxina
- Se estamos a empregar unha canle de comunicación cifrada
Este botón pode aparecer en varias cores:
- Gris: Indica que a páxina non fornece información de identidade. Ademais, a conexión entre Firefox e o servidor non está cifrada, ou só está parcialmente cifrada.
- Azul: O dominio foi verificado, e a conexión está cifrada
- Verde: Se unha páxina se presenta con este botón en verde, iso significa que está a empregar un certificado estendido (é un certificado especial, que require máis investigación para ser emitido).
Privacidade en Firefox
Como xa vimos, Firefox garda certos datos mentres navegamos. Entre eses datos gardados podemos atopar:
- Historial das páxinas visitadas
- Datos introducidos en formularios
- Nomes de usuarios e contrasinais
- Lista de descargas
- Cookies
- Sesións de navegación (permite cargar os separadores que había abertos ao pechar cando inicie ou tras un fallo do programa)
En xeral, estes datos gardados resultan de utilidade mentres navegamos. Permite que a barra de navegación nos presente suxestións, por exemplo. Pero en determinados casos, podemos non desexar que Firefox garde estes datos. Por exemplo, podemos estar a empregar o computador doutra persoa, ou visitando páxinas que requiren información confidencial. Podemos ter que eliminar datos anteriores se queremos visitar unha páxina e eses datos nos identifican como unha persoa diferente... Firefox 3.5 ofrece varias maneiras de controlar que información se garda, e de non permitir o seu gardado se nos non queremos.
Como adiantabamos, existe en Firefox 3.5 unha característica coñecida como a Navegación privada. Mentres empreguemos este modo de navegación, Firefox non almacenará de forma permanente ningún dato.
Para activar a navegación privada, empregaremos o menú Ferramentas->Comezar navegación privada
Aparecerá unha pequena xanela informándonos de que se gardará a sesión actual para cando rematemos coa navegación privada:
Cando premamos en Iniciar exploración privada, cerrarase a nosa sesión actual e comezará unha nova, na que non se gardará ningún dato. Aparecerá unha páxina informativa co seguinte contido:
Cando queiramos finalizar a navegación privada, poderemos volver á sesión anterior premendo en Ferramentas->Deter navegación privada.
Tamén existe a posibilidade de facer que o comportamento predeterminado de Firefox sexa empregar o modo de navegación privada. Para isto, iremos a Editar->preferencias e, no apartado de Privacidade , seleccionar a opción de Firefox: Usará unha configuración personalizada para o historial.
Con esta opción seleccionada, Poderemos marcar Iniciar Firefox de maneira automática nunha sesión de navegación privada.
Extensións e temas
Extensións
Unha das características máis atractivas do navegador Firefox é a de poder ampliar a súa funcionalidade grazas á instalación de pequenas aplicacións, chamadas extensións, feitas normalmente por terceiros.
Paga a pena que lle dediquemos un momento a facer un repaso das extensións existentes, porque seguramente atoparemos algo que nos poida interesar na nosa navegación diaria. Por exemplo en:
- Add-ons (http://addons.mozilla.org/) – sitio oficial do proxecto Mozilla que compila todo tipo de extensións.
Podemos xestionar as extensións dende Ferramentas->Complementos, no apartado de Extensións. En función do tipo de instalación que fixeramos, pode ser que nos atopemos con algunha extensión, ou ben con ningunha. Podemos suprimir as extensións que xa non queiramos, buscar actualizacións ou acceder á súa configuración se dispoñemos desta opción. Premendo co botón secundario sobre as extensións podemos acceder a outras opcións como á posibilidade de habilitalas ou deshabilitalas sen ter a necesidade de desinstalalas.
Dende esta mesma xanela de complementos, poderemos buscar e instalar novos complementos e extensións, premendo no apartado de Obter complementos:
Temas
Á parte das extensións, tamén se pode personalizar a aparencia da interface do Firefox con diferentes temas. Unha forma sinxela de atopar temas é abrir o xestor de complementos e, no apartado de Obter complementos , empregar a palabra theme para facer a busca.
Do mesmo xeito, poderemos acudir á páxina de addons de Mozilla e facer unha busca coa palabra theme.