Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Manual «Comezar con Ubuntu 10.04» en lingua galega

Descrición:

«Comezar con Ubuntu 10.04» é unha guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu, que lles axudará a familiarizarse coas tarefas diarias deste potente sistema: navegar polo web, escoitar música ou escanear documentos. Trátase dunha tradución ao galego do proxecto orixinal, Getting Started with Ubuntu 10.04, que consiste nun proxecto de código aberto, desenvolvido pola comunidade internacional de voluntarios, para crear e manter documentación de calidade para Ubuntu e os seus derivados, de maneira que se contribúa a baixar a barreira de entrada de Linux para os novos usuarios.

O contido do manual pon énfase na sinxeleza ao seguir as instrucións e é axeitado para todos os niveis de experiencia.

Comezar con Ubuntu 10.04

Este manual foi traducido ao galego de xeito altruísta polos voluntarios do proxecto Trasno. Posteriormente realizouse unha revisión técnica e lingüística de redacción do manual respecto do orixinal para acadar a máxima lexibilidade do mesmo para o público galego. «Comezar con Ubuntu 10.04» en galego é pois un proxecto de colaboración entre a Concellaría de Dodro, a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela e a AC Proxecto Trasno, que forneceron o persoal técnico tanto lingüístico como informático.

O Manual chegou ao soporte en papel nunha primeira edición financiada pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, e varias reimpresións, da man de Trasno e OUSLI, ao abeiro do convenio de colaboración das AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Escrito cunha licenza de código aberto, o libro conta tamén con versión electrónica gratuíta para descargar, ler, modificar e compartir: Comezar con Ubuntu, guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu.

Datas e lugar de presentación:

A presentación da primeira edición do Manual celebrouse no Salón de Actos da Casa de Cultura do Concello de Dodro, o día 14 de decembro de 2010.

Impacto:

Esta obra é unha boa mostra de colaboración entre distintas institucións públicas, que facilitan a asesoría técnica e lingüística así como os medios para a impresión, e a sociedade civil, que sacou adiante este proxecto de tradución tecnicamente complexo. As arredor de 5000 liñas do manual (resultado dun corpo de tradución de 9000 liñas) apenas foi traducido a un par de linguas máis.

A rede de locais socioculturais do Concello de Dodro, as aulas libres da USC así como os cursos de formación da Asociación Trasno serán os primeiros en recibir este material. Sen dúbida a implantación do programa Abalar (baseado no mesmo sistema operativo) será unha fonte de demanda importante para este tipo de materiais e así se espera que se poida seguir mantendo actualizado de cara ao futuro.

O manual porase a disposición das bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, difundirase no concello de Dodro e distribuirase en eventos posteriores da asociación así como as institucións que o soliciten.

Colaboran:

Concello de Dodro, a OSL da USC e a AC Proxecto Trasno.

Patrocina:

A primeira impresión en papel desta obra contou co financiamento da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. As posteriores reimpresións feitas pola AC Proxecto Trasno e asociación OUSLI, foron financiadas ao abeiro do convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluída no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.