Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Introdución ao escritorio básico de oficina en SwL en rede

Moi lonxe quedaron os tempos en que pensar nun escritorio baseado en software libre era unha utopía. Hoxe en día, máis ben, o complicado é escoller entre a inxente diversidade que amosa o mundo dos aplicativos de escritorio e de servidor. Ao longo destas guías habemos facer algunhas desas escollas, nunhas ocasións presentando as moitas opcións e noutras simplemente ofrecendo o resultado de moitas horas de traballo colaborativo da comunidade.

O escritorio como contorno de traballo definido polo costume cotián, igual que as artes populares que atopamos nos museos de antropoloxía, contén unha serie de ferramentas que veñen de serie en calquera das distribucións de GNU/Linux que podemos atopar na Internet, ou nos quioscos. Destes aplicativos e ferramentas a chamada suite ofimática é o eixo ao redor do cal xiran todas as demais pezas. Composta habitualmente por editor de textos, folla de cálculo e editor de presentacións, á parte doutros programas accesorios, facilita a xestión informatizada dos textos, números e ideas da empresa. O máis básico, como vemos, na informatización dun posto de traballo tradicional.

Pero non remata no escritorio o emprego das tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) na empresa contemporánea. Moitos dos trebellos que día a día atopamos con máis frecuencia na nosa vida cotiá tamén están a facer posíbel unha revolución calada na xestión empresarial, no traballo comercial e na relación entre as empresas e a clientela, entidades provedoras, e a sociedade en xeral.

Servizos TIC na empresa

Ter coñecemento inmediato das cantidades, necesidades e expectativas do noso negocio, e cada un dos seus departamentos; acceder a fontes de información fornecidas pola Administración, ou por terceiros, baixo pagamento ou de balde; comunicar coa clientela e provedores de forma instantánea; poder publicitar produtos e servizos de forma autónoma; ofertar o noso traballo a unha audiencia global... Son algunhas das posibilidades que as TIC ofrecen hoxe ás empresas. Mañá habemos ver outras. Estas xa están entre nós, e xa demostraron sobradamente que poden ser a cerna do éxito para moitos tipos de negocio. O fío que une tantos e tan variados procesos é a dispoñibilidade da información e a facilidade de achegármonos a ela. Hai anos que comezou a informatización dos procesos produtivos das empresas, sobre todo das que tiñan capacidade para asumir o investimento, as grandes corporacións, principalmente. O que hoxe chama á nosa porta é a revolucionaria redución de custos derivada do emprego de software libre, xunto coa liberdade formal e de feito, que supón o emprego de estándares abertos no intercambio de información. Ao longo destas páxinas habemos debullar algunhas das opcións dispoñíbeis, e un posíbel camiño de achegamento a elas pola práctica. Comezado polo máis básico, a instalación do escritorio e os seus aplicativos, para continuar cos servizos de rede interna (intranet) e externa (extranet).

Guías para a instalación e configuración dun escritorio básico de oficina con software libre

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada pola empresa TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0