Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Introdución ao GNU/Linux

Introdución ao software libre

O GNU/Linux é un sistema operativo con ducias de milleiros de aplicacións de todo tipo, moi parecidas ás que todo o mundo está habituado, pero que ten a particularidade que tanto o sistema operativo como as aplicacións son Software Libre.

Para explicar que é o GNU/Linux e que é o Software Libre presentareivos a Tono que non utilizou nunca Software Libre e a súa amiga Xela, que xa hai moito tempo que o utiliza.

TonoXela.png


Que é o software libre?

Xela01.png Antes de falar do software libre, primeiro cómpre entender os problemas do software propietario. O software propietario, á que todos estamos acostumados, trata o software como se fosen artigos que se poden comprar, do mesmo xeito que podemos ir a unha tenda e mercar unha televisión.

O problema é que os programas, a diferenza das televisións, están nun contorno onde todo muda diariamente: os usuarios teñen unhas preferencias de traballo diferentes, instálanse novos programas, aparecen novos dispositivos electrónicos, descóbrense novas vulnerabilidades. Toda esta complexidade supón un custo de desenvolvemento e mantemento que provoca:

  1. que o usuario vexa a informática complicada e pouco adaptada ás súas necesidades e preferencias.
  2. que as empresas pequenas de informática non poidan competir coas grandes, nin poidan ofrecer servizos nin aplicacións domésticas a un prezo accesible.
  3. que só as grandes empresas tiren beneficios da informática, pero a miúdo escatimando gastos a custa de reducir servizos de atención ao cliente e de discriminar linguas minorizadas.
  4. que os usuarios queden ligados a un provedor informático. Cando o provedor decide descatalogar un programa, o usuario non ten máis remedio que mercar a nova versión ou ben mercar un programa novo.
  5. que se xeneralice a piratería e a distribución de programas gratuítos, que a miúdo están cargados de virus, espías e problemas de seguridade.


Tono01.png


Xela01.png Si, moito. O Software Libre distribúese libremente. Iso quere dicir que a miúdo se pode conseguir gratuitamente, e que tes toda a liberdade para levarllo a arranxar a calquera técnico. Deste xeito os usuarios, finalmente, poden atopar programas que estean máis á súa medida. As pequenas empresas de informática poden vender servizos de reparación e adaptación de programas, do mesmo xeito que no mundo da mecánica existen pequenos talleres que arranxan coches de calquera marca.

E tamén ten un grande impacto social: os programas tradúcense a todos os idiomas con independencia do mercado. Ademais, redúcese a fractura dixital entre pobres e ricos.

A nivel económico as empresas poden reducir a súa factura en informática e solucionar os seus problemas de dependencia do provedor. A piratería de programas deixa de ter sentido.

Tono02.png


Xela01.pngNon, non ten nada que ver. O software libre non sempre é de balde. Se pides unha adaptación ou unha mellora personalizada, ou ben adquires software libre cun servizo de mantemento, faranche pagar só polas horas de traballo adicionais. En cambio a programación gratuíta, pódese conseguir de balde, pero non é software libre, xa que non permite que ninguén, a non ser o autor, mire como están feitos e poida así melloralos. O software gratuíto non dá ningunha garantía de que estean libres de virus e troianos. O software libre, en cambio, permíteche que os expertos en seguridade poidan ver como está feita e certificar que o programa é seguro.

Historia do Software Libre e do GNU/Linux

Xela01.pngAo principio da informática dos anos 70, as empresas só vendían grandes máquinas e a programación era de regalo. Iso permitía que os desenvolvedores da programación compartisen a miúdo coñecementos entre eles, pero a principios dos 80, as máquinas fixéronse máis baratas, e entón comezouse a comercializar a programación. Un desenvolvedor do MIT, Richard Stallman, viu entón que o secretismo no desenvolvemento dos programas acabaría prexudicando a todos.

En 1983 Richard Matthew Stallman iniciou oficialmente o proxecto GNU co obxectivo de crear un contorno completo de programas libres. Máis tarde, en 1985, creou unha fundación para financiar os proxectos GNU, a Free Software Richard Stallman Foundation. E foi poucos anos máis tarde cando deseñou a primeira licenza de Software Libre, a General Public License (GPL).

A licenza GPL pódese resumir así:

  1. Todo o mundo é libre de usar o Software Libre para calquera propósito.
  2. Todo o mundo é libre de acceder ao seu código fonte e estudalo.
  3. Todo o mundo é libre de o distribuír.
  4. Todo o mundo é libre de melloralo ou de adaptalo e de distribuír o programa modificado.
  5. A única obriga é que se se distribúe, hai que distribuílo coma mesma licenza GPL.

Este último punto evita que unha empresa se poida apoderar dun programa libre e lle cambie a licenza para unha licenza de software propietario. Cando se distribúe Software Libre pódese pedir cobrar polos seguintes conceptos:

  1. Polo feito de lle facer unha copia cun medio físico.
  2. Polo feito de ofrecer servizos de mantemento e garantía.
  3. Polo feito de incluír outros programas ou documentos que non teñan licenza GPL.

O texto legal da licenza GPL está en inglés en http://www.gnu.org/copyleft/gpl.html

GNU publicou durante anos numerosos programas libres, ata que no ano 1991, un mozo finlandés, Linus Torvalds liberou con licenza GPL un núcleo dun sistema operativo UNIX, que funcionaba en computadores PC. Chamoulle Linux. A comunidade decidiu adoptar o Linux. Así foi como naceu o sistema GNU/Linux: un sistema operativo Linux con todo tipo de programas GNU.

Tux.pngActualmente a comunidade de Software Libre conta con máis dun millón de desenvolvedores, e preto de 120.000 proxectos de Software Libre. A gran maioría para GNU/Linux, pero tamén para sistemas operativos Windows, Mac e moitos máis. Do mesmo xeito GNU/Linux xa non só está dispoñible para arquitecturas PC, senón que tamén pode funcionar en todo tipo de máquinas.

Introdución ao GNU/Linux

Xela01.pngO sistema operativo GNU/Linux, non é moi diferente a utilizar calquera outro sistema ao que esteas acostumado, pero ten dúas singularidades: que é Software Libre e que é UNIX.


Distribucións GNU/Linux

GNU/Linux, ao ser Software Libre dispón de varios milleiros de programas que se desenvolveron en proxectos separados. Como hai tantos programas, non se poden poñer todos xuntos nun único DVD. Por iso existen diversas distribucións GNU/Linux.

Cada distribución agrupa unha selección de programas libres, configurados e empaquetados para que o proceso de instalación dos programas sexa máis doado. De todos estes paquetes selecciónase un grupo e faise un CD ou DVD, de tal maneira que o usuario poida comezar a traballar só co CD e poida descargar os paquetes que lle faltan a medida que os vai necesitando.

Tono03.png

Xela01.pngActualmente hai unhas 500 distribucións diferentes de GNU/Linux. Unhas pensadas máis para o usuario doméstico, outras para o traballo, outras para a educación, a seguridade, a edición musical, o lecer e o xogo, etc. Moitas das distribucións xa teñen o paquete do idioma galego no mesmo CD de instalación. Pero nos casos nos que non é así, non hai ningún problema en baixar o paquete de idioma co xestor de paquetes, coma un paquete máis. Non todas as distribucións usan o mesmo sistema de paquetería, aínda que todos os sistemas son bastante equivalentes e pódense converter dun a outro. Os dous sistemas de paquetería máis utilizados son:

Distribucions.png

Tono04.png

Xela01.png Moi fácil, todo o que hai que facer é escoller o paquete, premer e listo. Por exemplo, supoñamos que se quere un programa de conversas para poder falar cos amigos, todo o que se necesita é:

  1. Ter unha conexión á Internet ou o CD de instalación.
  2. Poñer en marcha o xestor de paquetes, por exemplo, o Synaptic (Figura 1).
  3. Organizar os paquetes por categoría, premendo no botón seccións (3).
  4. O programa de conversas estará na categoría rede (4).
  5. Agora só hai que premer no paquete para ver de que se trata. Se buscas ben, para as conversas atoparás o paquete Gaim (5). A continuación márcao para instalalo premendo no botón dereito.
  6. Selecciona a opción marcar para instalar (6).
  7. Preme o botón Aplicar (7) e o xestor poñerase a traballar. Revisará se para instalar o paquete fai falta algo máis e instalará todo o que sexa necesario.
  8. Unha vez feito o traballo, xa se pode pechar o xestor de paquetes e comezar a utilizar o novo programa sen ter que facer nada máis, nin sequera pechar o computador. No menú de Aplicacións|Internet xa poderá executarse o Gaim.

XestorPaquetes.jpg

Figura 1. Xestor de paquetes Synpatic

Escritorios

Xela01.pngGNU/Linux permite escoller o escritorio co que se quere traballar, a diferenza doutros sistemas operativos que só teñen un único escritorio. Podes escoller entre uns escritorios moi vistosos e as consolas de texto en branco e negro segundo as túas necesidades.

Escritorios gráficos de alto rendemento

Son escritorios pensados para o uso doméstico e do traballo, como son o KDE e GNOME. Dous escritorios modernos, de características semellantes. Todos os escritorios teñen moitas opcións de configuración e son moito máis doados de personalizar. De feito é moito máis sinxelo facer que se comporten igual que un Windows, ou ben igual que o MacOs.

Decidir entre un ou outro é difícil:

Gnomelogo.png

Kdelogo.png

moita xente decántanse pola simplicidade e a limpeza do GNOME. Mentres que outros prefiren un escritorio con máis opcións onde a mesma operación se pode facer de varias maneiras, coma co KDE.



Pero en todo caso a decisión tampouco é tan importante xa que desde un escritorio pódense executar programas doutro escritorio.

Escritorios gráficos lixeiros

Son escritorios que necesitan menos recursos que os anteriores. De feito, dos escritorios gráficos lixeiros chámanse Xestores de ventás, xa que só decoran os marcos das ventás e amosan os menús ao premer enriba do fondo do escritorio. Hainos moi vistosos coma o Enlightenment e o AfterStep; pero tamén os hai realmente austeros coma o Mwm e o Twm.

Este tipo de escritorios van moi ben cando se ten que traballar con equipos con recursos limitados. Ou tamén van moi ben en estacións de traballo, onde é máis importante que o computador estea polo labor e non perdendo o tempo decorando ventás.

Consolas de texto en branco e negro

No caso de utilizar o GNU/Linux nun servidor, ter un contorno gráfico nun servidor é inútil, ninguén estará diante do servidor para mirar a pantalla. E cando o operador necesite administrar o servidor, farao remotamente desde o seu propio computador. Neste caso o mellor é ter consolas de texto en branco e negro: non gastan recursos e pódense facer moitas cousas.

Un día con GNU/Linux

Tono05.png

Xela01.pngNon pasa nada, Tono, explicareiche o que poderías facer un día con GNU/Linux.

Pola mañá cando te ergues

Arrancar o GNU/Linux

Na casa teño instalada a distribución Ubuntu e utilizo o escritorio GNOME (Figura 2). Non é moi diferente aos outros sistemas, e en cambio todo está máis ordenado.

Na parte superior da pantalla están os menús (1), as aplicacións preferidas (2), a área de notificación (3) e outros controis coma o volume ou o calendario(4). Na parte inferior vense que aplicacións están en marcha. Neste caso teño unha ventá agochada que as podo restaurar só con premer no rato (6). Na esquerda de todo hai un botón para agochar todas as ventás e así poder ver o escritorio limpo (5). Na parte dereita está o cambiador de espazos (7) que despois explicarei que é e como funciona e, finalmente, a papeleira (8) a onde podes mover todos os ficheiros e cartafoles que queiras eliminar. No escritorio podes poñer de todo: ficheiros, cartafoles e accesos a aplicacións (9).

Gnome01.png

Figura 2. Escritorio GNOME da distribución Ubuntu.

Arrancar aplicacións, moverse polos lugares e controlar o sistema

Para arrancar unha aplicación hai que ir ao menú Aplicacións (Figura 3).

Menuaplicacions.png

Figura 3. Menú Aplicacións do escritorio GNOME.

As aplicacións están ordenadas por categorías, e se quedas un momento sobre unha opción sáeche un pequeno cadro amarelo explicándoche o que fai. Para ir a un cartafol ou atopar un documento cómpre ir ao menú Lugares (Figura 4).

Menulugares.png

Figura 4. Menú Lugares do escritorio GNOME.

Está dividido en catro seccións:

  1. Os cartafoles aos que se accede habitualmente. Nun principio, o Cartafol persoal, no que se ten todo o que che pertence e o escritorio.
  2. Acceso aos diversos discos duros do computador, memorias usb, CD, DVD...
  3. Acceso á rede.
  4. Ficheiros. Permite buscar ficheiros ou ben acceder rapidamente aos documentos máis recentes.

No menú Sistema (Figura 5) están as opcións para controlar o sistema: configuralo e apagalo. Pero ademais, hai outras opcións de utilidade para facer capturas de pantalla e para consultar a axuda.

Desde o menú Sistema | Preferencias pódese personalizar o escritorio, facelo máis semellante a un Windows ou un Mac ou cambiarlle o aspecto radicalmente modificando o tema e o fondo do escritorio.

Menusistema.png

Figura 5. Menú Sistema do escritorio GNOME.

En cambio, desde o menú Sistema | Administración (Figura 6) pódese configurar a maquinaria (discos, rede, impresoras, reloxo e dispositivos) e o sistema operativo (usuarios, idioma, aplicacións e servizos).

Menuadministracion.png

Figura 6. Menú Administración do escritorio GNOME.

É no menú Sistema | Administración onde podes atopar o programa Synaptic (Figura 1) para instalar novos paquetes.

Información do tempo e do tránsito

Pola mañá cando me ergo, xusto antes de ir para o traballo, o que preciso saber é o estado do tránsito e o tempo que fará. Gústame saber se hai complicacións na estrada ou se choverá, e se haberá que levar paraugas. Por iso o primeiro que fago é arrancar o navegador da Internet Firefox (Figura 7) e premer no botón abrir en separadores, do meu cartafol de información.

Firefoxpestanas.png

Figura 7. Opción Abrir en separadores do navegador da Internet Firefox.

Firefoxpestanas01.png

Figura 8. Firefox con diversas páxinas abertas en separadores diferentes.

Inmediatamente, ábrenseme todos os separadores no Firefox,cada un cunha páxina de información diferente (Figura 8). Mentres tanto espero a que carguen todas as páxinas, leo o primeiro separador onde teño a información do tempo. Parece que vai sol hoxe.

Entón premo no seguinte separador que xa acaba de cargar onde teño as incidencias do tránsito. E así, con premer unha soa vez no rato e ben rapidamente podo ler toda a información que preciso saber sen ter que esperar que se carguen as páxinas unha a unha.

Saír do GNU/Linux e apagar o computador

Xela01.pngFinalmente marcho para o traballo e apago o computador. Pero antes de apagalo cómpre que saia do Linux ou perdereino todo. Para saír hai que ir ao menú Sistema | Saír. Antes de saír o sistema pídenos o que queremos facer, as opcións son:

  1. Saír da sesión e non apagar o computador. O sistema pechará todas as aplicacións e pedirache con que usuario te queres volver conectar.
  2. Apagar o computador de todo. Esta é a opción que tes que escoller antes de apagar o computador.
  3. Volver a arrancar o computador.
  4. Hibernar. Conxelar o estado do computador e apagalo.


Hibernar sería como deixar a mesa de traballo desordenada, esperando que cando volvas ao lugar de traballo ninguén che tocase nada, en cambio Apagar o computador sería como ordenar a mesa antes de deixar o lugar de traballo.

É importante e moi recomendable apagar o computador desde o menú Sistema | Saír | Apagar o computador, antes de lle quitar a corrente ao computador.

No traballo

No traballo temos un GNU/Linux diferente do da casa. Así como na casa utilizo unha distribución Ubuntu co escritorio GNOME, no traballo usamos unha distribución Fedora, co escritorio GNOME (Figura 9).

Fedoragnome.jpg

Figura 9. Escritorio GNOME da distribución Fedora 6.

O escritorio KDE (Figura 10) só ten unha barra de menú na parte inferior da pantalla, cos seguintes elementos:

  1. O menú Principal.
  2. Menú Sistema, desde o que se pode acceder aos teus cartafoles e documentos.
  3. Botóns para arrancar rapidamente as aplicacións máis utilizadas.
  4. Paxinador, para cambiar de espazo virtual.
  5. A listaxe de aplicacións arrancadas.
  6. A bandexa do sistema, utilizada para que cada compoñente do sistema poida avisarche cando pasa algo.
  7. A papeleira onde podes botar os documentos, ficheiros e cartafoles.
  8. O reloxo.

Menukde.jpg

Figura 10. Barra de menú principal do escritorio KDE.

Tono06.png

O menú Principal do KDE (Figura 11) organiza as aplicacións por categorías igual que o GNOME. No menú Principal do KDE (2), tamén hai as opcións para ver a axuda (1), buscar ficheiros (3), configurar o computador (4) e para saír e pechar o computador (6).

Menuprincipalkde.png

Figura 11. Menú principal do escritorio KDE.

Tamén inclúe dúas opcións que o GNOME non ten nos menús: a sección de Aplicacións máis usadas, desde a que se pode acceder máis rapidamente ás aplicacións que máis se utilizan, e a opción Executar unha orde (5), que serve para escribir directamente a orde que queres executar.

Contactos e aniversarios

O primeiro que hai que facer para comezar a xornada de traballo é ver o correo e as tarefas pendentes e así organizar o día. Todo isto pódelo facer desde o programa Kontact.

Só con arrincar o Kontact (Figura 12) xa podes saber todo o que che fai falta saber para organizar o día. Telo todo resumido na pantalla inicial: as tarefas pendentes de rematar, o correo electrónico e o calendario. Unha cousa que me gusta moito do resumo do calendario que che fai o Kontact, é que che separa as citas e reunións de traballo do día das demais datas de aniversarios e datas especiais.

Kontact01.png

Figura 12. Kontact: Axenda electrónica e correo integrado.

Xela01.pngTodo iso amósao o Kontact no resumo, sen facer nada. Engadir toda esta información no Kontact é moi doado. Se queres engadir unha cita (Figura 13) sigue os seguintes pasos:

  1. Preme no botón do calendario.
  2. Selecciona o día premendo sobre el.
  3. Selecciona a hora de inicio premendo co rato.
  4. Comeza a escribir a descrición da cita.
  5. Xusto ao comezar a escribir aparece un diálogo (Figura 14) onde podes acabar de especificar a hora de inicio e a hora de remate, así como toda a información que creas necesaria achegar para a reunión.
  6. Selecciona categorías: cita + reunión.
  7. Unha vez rematado, acepta os datos e xa está.

Kontact05.png

Figura 13. Engadir unha cita no calendario Kontact.


Kontact04.png

Figura 14. Detalle dunha cita co Kontact.

Xela01.pngHai unha mellor forma de engadir aniversarios, dando de alta un contacto e especificando que día fai anos.

Un contacto representa unha persoa, e non só serve para gardar a listaxe de enderezos de correo, senón que tamén permite gardar para cada persoa os números de teléfono, do móbil, o número de departamento, a oficina, etc.

Tamén se pode especificar a data de nacemento da persoa. Entón o Kontact avísache cada ano cando se estea a achegar o aniversario e lembrarache cantos anos fai.

Por exemplo (Figura 15):

  1. Abre a listaxe de contactos (1).
  2. Engade un novo contacto e di de que persoa se trata, dálle nome (2).
  3. Vai á pestana Detalles (3).
  4. Especifica a data de nacemento (4).
  5. Acepta os cambios.

Kontact03.png

Figura 15. Detalle dun contacto co Kontact.

A listaxe de tarefas pendentes

A listaxe de tarefas pendentes (Figura 16) sérveche para lembrar as cousas que estabas a facer e canto che falta para telas acabadas. Para ver a listaxe de tarefas pendentes hai que premer no botón de Pendentes.

Para engadir unha tarefa pendente só hai que escribir o nome de tarefa onde poña “premer para engadir unha tarefa pendente”. Unha vez engadidas todas as tarefas pódese modificar o progreso e a prioridade premendo sobre a tarefa que che interesa.

Kontact03.png

Figura 16. Listaxe de tarefas pendentes no Kontact.

Contactos, correo e noticias

Desde o Kontact poderemos enviar e recibir correos e ata ler as noticias dos resumos RSS.

Ferramentas ofimáticas

O paquete ofimático que utilizamos no traballo é o OpenOffice.org. O OpenOffice.org é un paquete ofimático moi completo que permite traballar incluso con documentos Microsoft Office.

O OpenOffice.org ten todo o que se lle pode pedir a un paquete ofimático:

  • Escribir cartas e documentos.
  • Traballar con follas de cálculo.
  • Crear presentacións e diapositivas.
  • Debuxar.
  • Escribir páxinas web.
  • Facer etiquetas.
  • Facer tarxetas de visita.
  • Traballar con base de datos.


O OpenOffice.org incorpora ferramentas moi útiles para a edición (Figura 17), un bo corrector ortográfico que che marca as faltas de ortografía mentres escribes (1), e un módulo que predí a palabra que queres escribir antes de que a acabes de escribir (2).

Por outra banda permite xerar facilmente documentos en formato PDF (3), só se pode ler pero non se pode modificar.

IntroOOo01.png

Figura 17. Corrector e modo preditivo no OpenOffice.org.


Tono07.png

O documento de texto pode incluír imaxes, táboas, debuxos, campos, etc. (Figura 18)

Figura 18. Documento de texto do OpenOffice.org con texto e debuxos.

IntroOOo02.png

Figura 19. Folla de cálculo do OpenOffice.org con fórmulas e gráficas.


A folla de cálculo do OpenOffice.org tamén é moi potente e permite todo tipo de fórmulas e gráficas (Figura 19).

Escritorios virtuais

A pantalla coa que traballamos co computador do traballo é bastante grande pero a miúdo téñense tantos programas abertos que se fai difícil saber onde tes unha determinada ventá, e a barra de tarefas satúrase de programas. Por iso é mellor traballar con escritorios virtuais. Traballar con escritorios virtuais é coma traballar con catro, cinco ou máis pantallas ao mesmo tempo.


Para cambiar dun escritorio virtual a outro, só hai que premer no paxinador. Por exemplo no traballo teño catro escritorios virtuais:

Un onde teño o navegador da Internet para buscar información. Un co Kontact, outro coas ventás do OpenOffice.org, e un cuarto con outras aplicacións.

Paxinador.png

Figura 20. Paxinador do KDE, co escritorio virtual núm. 1 seleccionado.


Tanto o KDE coma o GNOME permiten traballar con tantos escritorios virtuais como che fagan falta. De feito, practicamente todos os escritorios do GNU/Linux o permiten (Enlightenment, Fluxbox, Icewm. Fvwm, ...)


Para enviar unha determinada ventá a outro escritorio virtual (Figura 21), por exemplo do escritorio 4 ao 3, hai que premer co botón dereito sobre a barra do título da ventá, ver a listaxe de escritorios e seleccionar o escritorio destino.

Paxinador01.png

Figura 21. Mover unha ventá do escritorio número 3.

Bloquear o escritorio

O menú principal do KDE, na parte da opción de saír e pechar o computador, ten a opción Bloquear a sesión que che servirá no caso de que deixases o computador conectado, e non queres que ninguén cho toque durante a túa ausencia: nin compañeiros de traballo, nin fillos,... Entón cando volvas pedirache a túa clave de acceso para verificar que es ti e non outra persoa.

Pola tarde: facendo os deberes cos nenos

Xela01.pngPola tarde vou buscar os nenos á escola e sempre quedo un momento para axudarlles a facer os deberes. Conectamos o GNU/Linux e estou un pouco con eles por se teñen algunha dúbida. En GNU/Linux hai programas educativos para case todo. E aos cativos encántalles aprender xogando.

Tono11.png

Por exemplo, para practicar as operacións matemáticas tes o programa Kbruch (Figura 22). Kbruch permite practicar cos números racionais e coa factorización en números primarios. Kbruch funciona como un xogo: a medida que vai acertando vai aumentando a puntuación.

Kbruch.png

Figura 22. Kbruch para practicar cos números racionais e coa factorización.


Tamén hai programas para aprender as operacións máis prácticas. Por exemplo para practicar coas porcentaxes hai o KPercentage.

Para facer os deberes de química é imprescindible unha boa táboa periódica dos elementos químicos. No GNU/Linux hai un excelente programa, o Kalzium (Figura 23).

Ao meu fillo gústalle moito cando no Kalzium fas andar a barra do tempo. Pona no ano 1700 e vai incrementando aos poucos, así vai vendo como pouco a pouco se ían descubrindo os novos elementos químicos ano tras ano.

Kalzium.png

Figura 23. Kalzium: táboa periódica dos elementos químicos.

Finalmente, en matemáticas tamén é de moita axuda o Kmplot. O Kmplot serve para ver graficamente funcións matemáticas.

Xela01.pngNon todo son programas para ciencias, tamén hai programas para estudar letras e humanidades.

O KGeography, serve tanto para consultar datos de diversos países como para facer de examinador e que vaia facendo preguntas de xeografía. Por exemplo, pódese facer que che pida unha capital ou país e que teñas que premer no mapa a súa situación.

E se fai falta estudar idiomas tamén hai diversos programas. Por exemplo o KvocTrain para practicar vocabulario de inglés, francés ou alemán. Ata hai un programa para practicar latín, o Klatin. Co Klatin pódese practicar o vocabulario, a gramática e os verbos do latín.

Tono09.png

Xela01.pngNaturalmente que si, para os cativos existe o Gcompris, que ten un piloto de xogos para aprender.

Todo o programa GCompris (Figura 24) está pensado para nenos pequenos. As iconas e as letras son grandes e, ademais, ten poucas opcións.

O menú principal tan só ten 4 botóns: un botón para saír (1), un botón para os créditos do programa (2), un botón para configuralo (3) e finalmente un pequeno manual para axudar a entender como funciona (4).

Os xogos do Gcompris están organizados por categorías:

Gcompris.jpg

Figura 24. Menú principal do Gcompris.

  • Actividades de entretemento (5).
  • Matemáticas (6).
  • Xogos de mesa: Escacs, cartas, quebracabezas, ... (7)
  • Xogos para aprender a poñer en marcha o computador: o rato, o teclado,... (8)
  • Xogos para aprender experimentando (9).
  • Xogos para aprender a ler (10).

Por exemplo se vas á primeira icona de xogos, actividades de entretemento, móstranse todos os xogos desta categoría.

Tono10.png

Si, e iso non é todo, na categoría Xogos matemáticos hai xogos para aprender a sumar, restar e multiplicar, pero tamén hai xogos para aprender a traballar con euros, moedas e billetes.

E para os máis pequerrechos, na categoría de Xogos para aprender a ler hai un xogo moi interesante para practicar vocabulario.

Pola noite: tempo de lecer

Películas

Finalmente chega o momento do descanso. Podes poñer unha película de DVD no computador, conectalo á televisión grande e ver unha película como se foses ao cine.

Só tes que abrir o programa Xine (Figura 25) e premer o botón DVD que a película vai comezar. Para vela ben cómpre que a poñas en modo pantalla completa. Para o facer preme dúas veces sobre a imaxe.

Xine.png

Figura 25. Ver películas con Xine.

Conversas pola Internet

E cando teñas ganas de falar cos teus amigos pola Internet, abre o programa de conversas Gaim (Figura 26). Cun só programa poderás falar con todos os teus amigos, aínda que uns estean co MSN Messenger, outros co Yahoo, ou o que lles vaia ben. Non importa o protocolo, o Gaim permíteche engadir contactos de todos os sitios. As diversas conversas vanse abrindo como pestanas diferentes nunha única ventá, así telo todo mellor organizado e non molesta para facer outras cousas.

Figura-03.png

Figura 26. Gaim, programa de mensaxería instantánea

Escoitar música

Mentres mantés unha conversa podes escoitar música co programa Rythmbox (Figura 27). É un xestor de música onde só tes que lle dicir onde tes as carpetas coa música, que el mesmo as vai rexistrando na súa base de datos.

Tamén permite escoitar emisoras de radio pola Internet. A seguir pódeslle dicir que reproduza todo nunha orde aleatoria, tal e como se estiveses escoitando a radio e só puxesen a túa música preferida.

Rhythmbox.png

Figura 27. Escoitar música co Rythmbox

Retoque fotográfico

No meu tempo de lecer tamén me gusta facer retoque fotográfico das miñas fotos. Utilizo o Gimp que é un chisco complicado aprender a poñelo en marcha pero que permite facer efectos fotográficos cun toque profesional.

O Gimp (Figura 28) está inspirado con outro programa de retoque fotográfico profesional, o Adobe Photoshop, e é semellante aos programas de MacOS, con todo tipo de ventás independentes que podes organizar como queiras en diversos escritorios.

Retoquegimp.jpg

Figura 28.- Gimp

Seguridade

Tono12.png

Xela01.pngO GNU/Linux e todos os seus sistemas UNIX teñen por defecto un sistema de seguridade moi sinxelo pero ao mesmo tempo potente e efectivo. É un sistema de seguridade que está probado desde os anos 70, desde os primeiros grandes computadores corporativos, e que actualmente aínda se continúa a usar en moitos sistemas operativos.

O sistema de seguridade baséase en que todas as persoas que traballan co computador teñen un usuario e pertencen como mínimo a un grupo. Todos os ficheiros do sistema teñen definidos un único usuario como propietario e un grupo con privilexios especiais.

Cando un usuario quere facer algo cun ficheiro: lelo, modificalo ou executalo, mírase se o usuario é o propietario, se é do grupo ou se non é ningún dos anteriores. Segundo cal sexa de entre estes tres casos, poderá facer unha cousa ou outra.

Por exemplo, a seguir (Figura 29) hai unha mostra dos permisos dun ficheiro que é da miña propiedade (1) e que ao mesmo tempo pertence a un grupo (2) que leva o meu nome, o grupo elisenda, iso é moi normal xa que como mínimo un usuario ten que pertencer a un grupo. Pois ben, eu como son a propietaria, o ficheiro di que teño permiso para ler, escribir e executar (3). Os usuarios do grupo elisenda poderano ler e executar (4). E os outros tamén o poderán ler e executar (5).

Propiedadesficheiro.png

Figura 29. Propiedade e permisos dun ficheiro.

Todos os ficheiros da miña propiedade están no cartafol /home/silvia. Os ficheiros dos outros sitios só os poderei ler ou executar, pero nunca os poderei modificar nin borrar.

Ti que tes o usuario “tono” tamén terás o teu cartafol /home/tono da túa propiedade, no que só poderás escribir ti pero eu non. Se queremos compartir ficheiros ti e mais eu o que temos que facer é crear un grupo de usuarios e engadírmonos nós e todos os ficheiros que queiramos compartir.

Ben, iso xa o entendo, non é moi complicado. Pero, e os elementos que non son do usuario “silvia” nin do usuario “tono” de quen son?

Xela01.pngSon do usuario “root”. O usuario “root” é o máis poderoso do sistema, é o único que o pode facer todo: crear usuarios, asignarlle permisos a todos os elementos, executar operacións perigosas, etc.

Dada a importancia do usuario “root”, cómpre asignarlle unha clave de acceso difícil de adiviñar, pero ao mesmo tempo cómpre que a poidas recordar facilmente porque a terás que usar a miúdo para configurar o computador.

Os cartafoles do sistema propiedade de root están organizados segundo a tipoloxía:

  • Todos os programas que se poidan executar atópanse no cartafoles /bin ou ben /usr/bin.
  • Todos os ficheiros de configuración dos programas atópanse no cartafol /etc.
  • E os recursos dos programas póñense no cartafol /usr/share. Por exemplo en /usr/share/locale/ podemos atopar as traducións dos programas ao galego.

O motivo de facelo así é por seguridade, todos os ficheiros do cartafol /bin teñen que ter uns permisos e un propietario semellante, se alguén manipula algún destes permisos é moi fácil de saber que foi o que tocou.

Instalar GNU/Linux

Tono08.png

Xela01.pngAínda que hai poucas tendas que vendan computadores co GNU/Linux preinstalado, agora cada vez vai haber máis. En cambio, é moito máis doado conseguir un CD ou un DVD de GNU/Linux e instalalo no computador.

Pódelo atopar en moitos sitios:

Unha vez conseguido o CD de GNU/Linux instalalo é moi fácil. Incluso hai CD de GNU/Linux que non fai falta que se instalen en disco, son os chamados CD autónomos ou en inglés Live CD.

Cun CD autónomo só fai falta introducir o CD e arrancar o computador que xa poderás traballar co GNU/Linux. Ao acabar volves arrancar o computador sen o CD de GNU/Linux e arrancará co sistema operativo anterior.

Moitas distribucións teñen as dúas versións, unha de CD autónomo e outra de instalación en disco.

Para instalar en disco o GNU/Linux hai que facer o seguinte (Figura 30):

  1. Introduce o CD do GNU/Linux.
  2. Reinicia o computador.
  3. Arranca o instalador do GNU/Linux que che pedirá as seguintes cousas:
    • O Idioma.
    • O Escritorio: GNOME, KDE ou outro.
    • Os nomes de usuario e clases de acceso para identificar as diversas persoas que queren traballar no computador.
    • A clave de acceso de usuario administrador (de nome root).
    • Que queres facer co sistema operativo anterior que había na máquina? Podes elixir entre: sobrescribilo completamente no GNU/Linux ou ben manter o sistema operativo vello e poñer GNU/Linux ao lado. Esta segunda instala un xestor de arranque GURB ou LILO que cada vez que acendas o computador deixarache elixir se queres arrancar co sistema operativo GNU/Linux ou co vello.
  4. As opcións avanzadas deixaranche escoller moitas outras cousas como o programa que queres instalar, as opcións dos dispositivos do computador, Internet, etc.
  5. Unha vez acabado o proceso de configuración, a instalación copiará o GNU/Linux ao disco e finalmente pedirache que volvas arrancar a máquina.


Kubuntuinstall.png

Figura 30.Instalación de Kubuntu

Recoñecementos

Este traballo está baseado na obra "GNU/Linux - Introducción ao Software Libre - Cadernos de formación Tecnolóxica" de Quim Perez i Noguer (autor orixinal da obra), Edit Lin (editorial) e a Regidoria Ciutat del Coneixement de l'Ajuntament de Barcelona (responsable do proxecto)