Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Integración dun CMS e dunha tenda virtual

Fontes de información

A rede ofrécenos unha inxente cantidade de información, sobre todo cando procuramos asuntos técnicos, relacionados coas ferramentas da propia web. Se tentamos atopar documentación sobre o proceso de integración dun xestor de contidos e unha tenda virtual, temos varias aproximacións posíbeis. Dependendo do ligados que esteamos a un e a outra, dependendo das necesidades do proxecto, en canto a número de obxectos a ofrecer na tenda, dependendo da nosa familiaridade con cada un dos CMS, e tamén do tempo e orzamento dedicados ao proxecto de integración, loxicamente.

Estas e moitas outras preguntas xurdirán a medida que afondemos na investigación das posíbeis solucións. Habemos atopar camiños aparentemente sinxelos que nos han levar a portas pechadas, e outros máis complicados a priori, polos que será máis rápido avanzar.

Durante as sesións de avaliación dos contidos do curso suscitouse o exercicio de integrar Joomla con osCommerce. Atopáronse varios titoriais, pero dependentes de versións desfasadas, tanto do CMS como da tenda. Tentando abrir o abano de posibilidades, e deixar ver un pouco da diversidade que o ecosistema do software libre ofrece á hora de atopar solucións a problemas, chegamos por fin a tres propostas posíbeis, contando con atopar unha resposta á pregunta:

  1. Unha proposta posíbel sería Joomla e a súa extensión VirtueMart.
  2. Outra, o Joomla e a extensión ECJC Online Shop.
  3. A terceira, WordPress e o engadido eShop, para unha tenda sinxela.

Calquera das tres pode ter os seus puntos positivos e negativos. Calquera das tres pode ser dabondo para unha determinada dimensión de negocio e proxecto. As tres propostas desbotan a posibilidade de ter que facer desenvolvemento ou adaptación de código para forzar a integración, a pesar de que algún dos camiños experimentados tiña máis de “hack” que de procedemento de instalación.

Instalando a contorno

En calquera dos tres casos o espazo de traballo de sistemas baséase no modelo LAMP. Polo tanto imos precisar dun servidor con Apache, MySQL e PHP. O resto das dependencias poden variar segundo as necesidades de cada conxunto de aplicativos.

O proceso de integración

Para o caso dos módulos de Joomla, trátase de instalación de extensións segundo o sistema xenérico da plataforma: descarga do paquete de software, e subida e instalación no servidor dende a interface web de administración. No caso de WordPress tamén é o procedemento habitual de instalación: descarga do paquete de software no servidor, descompresión no directorio de plugins, e activación no menú de engadidos.

A continuación haberá que definir familias de artigos, categorías, prezos, custos de transporte e demais características da nosa tenda. O habitual nunha tenda electrónica.

Integración funcional e estética

Calquera dos tres exemplos implica unha integración funcional que non vai precisar traballo de desenvolvemento. A tenda intégrase coma un compoñente máis do sistema, coa posibilidade de inclusión de artigos nas columnas laterais, e páxinas de información ampliada. As persoas usuarias dos dous sistemas deberan ser os mesmos, ou estar replicados.

Tanto nos derivados de Joomla, como no de WordPress a integración estética está asegurada polo emprego de estilos visuais do xestor de contidos. Polo tanto, esta condición cúmprese, a priori, nos tres exemplos.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada pola empresa TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0