Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Instalación de Ubuntu

A instalación de Ubuntu xeralmente adoita tomar uns 30 minutos se non hai ningún problema. Pasos a seguir:

Arranque do sistema

Primeiro deberemos descargar o CD de instalación de Ubuntu, o Desktop CD. O ficheiro descargado será unha imaxe ISO que deberemos gravar nun disco para proceder coa instalación. Todos os programas de gravación de discos son capaces de facer isto.

É necesario arrancar o seu ordenador dende o CD, para iso reinicie o seu equipo co disco gravado no lector. Ao arrancar, aparecerá una xanela de selección de Idioma (véxase Fig. 1), seleccionamos Galego.

Fig. 1 Xanela de selección de idioma no arranque do CD-Vivo de Ubuntu

Unha vez seleccionado o idioma aparecera un Menú con todas as opcións de arranque, seleccionamos Instalar Ubuntu (véxase Fig. 2) e prememos entrar.

Fig. 2 Menú inicial da instalación

Instalación

Tras uns minutos, dependendo do seu equipo, o instalador gráfico de Ubuntu estará cargado na súa memoria RAM e aparecerá na súa pantalla.

Configuración

  • O primeiro paso e elixir o idioma. Debería estar seleccionado o Galego, se non é así pode seleccionalo para continuar a instalación no noso idioma. (véxase Fig. 3).
  • O seguinte é elixir a zona horaria. Se seleccionou o idioma galego debería estar seleccionado o fuso horario de Madrid. Seleccione o seu fuso horario dependendo no que se atope (véxase Fig. 4).
  • O seguinte paso e elixir o tipo de teclado. Se todo vai ben e non ten un teclado fóra do común senón un teclado español estándar, debería estar xa seleccionado (teclado «Spain»). Comprobe que isto e así escribindo na caixa de texto que hai na parte inferior, pulsando algunhas teclas específicas do idioma, coma a «ñ» e algúns símbolos habituais coma o euro (véxase Fig. 5).

Particionando o disco

¡Coidado! O seguinte paso é o mais delicado, tratase de indicar onde se debe instalar o Ubuntu. Escolla a opción correcta ou podería formatar unha partición non desexada se vai compartir o disco duro con outros sistemas operativos. Existen tres opcións:

  1. Guiado - Empregar o disco completo. Elixa esta se desexa borralo todo e usar o disco duro por defecto como único para Ubuntu (véxase Fig. 6). É a opción mais fácil, menos problemática e aconsellábel para equipos novos.
  2. Guiado - Cambiar o tamaño do disco. Ubuntu modificará as particións e creará un espazo libre no disco duro para instalarse. Esta é a opción máis recomendábel se desexa conservar o seu antigo sistema operativo. Esta opción non aparecerá en equipos novos ou que non teñan sistema operativo instalado no seu disco. E aconsellábel facer copia de seguridade dos datos antes de facer ningún cambio no disco.
  3. Manual. Con esta opción, poderá especificar como serán as particións de forma máis específica. Esta non é a mellor opción se nunca traballou con particións.
Fig. 6 Formatar todo o disco duro

Introducir os datos de usuario

No seguinte paso, a instalación preguntaralle datos (véxase Fig. 7): o seu nome real e o seu alcume de usuario. Por exemplo, o nome real podería ser «Mancomún» e o nome de usuario «mancomun» (e recomendábel que para o nome de usuario se utilice ASCII estándar sen espazos ou maiúsculas). A continuación, escolla un contrasinal e o nome do computador.

Fig. 7 Introducindo os datos de usuario

Resumo e copiado

Na xanela seguinte, o instalador mostraralle os datos para que os revise. Asegúrese de que todo está en orde e prema «Seguinte» para comezar a copiar os ficheiros de Ubuntu ao disco duro (véxase Fig. 8).


Fig. 8 Revisando a instalación

Se todo se instalou correctamente, ao final da instalación indicará que debe reiniciar o sistema sen o CD.

Ligazóns externas