Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Galinux

LogoGalinux.png

Que é Galinux?

Galinux é un sistema operativo completo, de fonte aberta, que vén configurado para poder empregar calquera computador compatíbel no noso idioma propio: o galego.

Non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das vantaxes básicas de Galinux, pois inclúe automaticamente os programas informáticos máis empregados: para navegar pola Internet, acceder ao correo electrónico, escoitar música, escribir documentos de texto, facer gráficas e cálculos, ver vídeos ou películas, compartir ficheiros, conversar por mensaxería instantánea e moito máis.

Con Galinux disporá dun contorno de escritorio fiábel, seguro e sempre actualizado, xa que ao estar baseado na popular distribución nomeada Ubuntu poderá recibir periodicamente as actualizacións gratuítas que son distribuídas para ter o seu equipo ao día. E para resolver as cuestións máis frecuentes, non o dubide: pregunte na Rede a calquera dos milleiros de persoas que tamén empregan Ubuntu.

Obxectivo

En resumen, Galinux é un sistema operativo baseado en Ubuntu e adaptado para ter en galego as aplicacións ofimáticas de uso máis estendido de xeito predeterminado e co engadido de ter un aspecto gráfico modificado coa imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

O principal obxectivo perseguido coa publicación de Galinux foi servir de ferramenta para dar a coñecer a toda a cidadanía galega que é posible dispoñer dun sistema operativo de propósito xeral libre, de calidade e en galego. Ao estar baseado en Ubuntu conta ademais cunha forte comunidade de usuarios detrás capaz de axudar a calquera novo usuario. Por suposto, en ningún momento se pretendeu convertelo no único sistema operativo galego, nin substituír ás múltiples e completas alternativas de sistemas GNU/Linux galegos existentes.

Obter Galinux

Grazas aos esforzos de localización realizados nestes últimos anos en estreita colaboración coas comunidades de tradución de OpenOffice.org, Mozilla, GNOME, Ubuntu,... hoxe podemos sentirnos satisfeitos e afirmar que todos estes aplicativos están xa dispoñibles en galego nos seus respectivos repositorios oficiais e a nova versión Ubuntu 10.04 LTS é a distribución Ubuntu mellor e máis traducida ao galego, como informamos recentemente nunha nova no portal mancomún.

Consecuentemente, para dispoñer dun escritorio multimedia libre en galego xa non é preciso instalar paquetes adicionais coa tradución ao galego de Firefox, Thunderbird, etc, que si eran precisos cando se desenvolveron para o Galinux, sendo suficiente instalar Ubuntu 10.04 LTS.

Queremos deixar constancia unha vez máis que isto non sería posible sen o gran traballo e adicación da comunidade de voluntarios de tradución ao galego á que vos animamos a unirvos para contribuír a manter estes logros no futuro e a acadar novas metas.

Versións anteriores de Galinux

De todos modos, se vostede ten no seu equipo instalado Ubuntu 8.10, 9.04 ou 9.10 recomendámoslle que se actualice á nova Ubuntu 10.04 LTS que pola súa condición de “Long Term Suport” disporá de actualizacións de seguridade ata o ano 2013.

Instrucións de instalación de Galinux

Instrucións para usar o repositorio de Galinux en Ubuntu

Guía para obter Galinux a partir dunha instalación base de Ubuntu, ou para galeguizar a nosa Ubuntu.

Instrucións para actualizar unha versión anterior de Galinux

NOTA: Se ten instalado Galinux 8.04 e quere actualizar á última versión Galinux 9.04 debe facelo en dúas fases, primeiro actualizar a Galinux 8.10 e logo a Galinux 9.04.

Instalación de complementos no Galinux

Guía de instalación de complementos coma o plugin de Flash ou a máquina Virtual de Java no Galinux.

Máis información sobre Galinux

Copialo é legal?

Galinux é software libre, así que vostede é libre de copialo e reinstalalo, cantas veces queira, en tantos computadores como desexe de forma completamente legal e gratuíta. Tamén pode modificalo para adaptalo ás súas propias necesidades e mesmo redistribuílo no seu contorno. É software libre, así que: anímese e compártao!

Outros recursos

No Manual de identidade visual atopará as pautas para a correcta utilización da imaxe gráfica de Galinux.

Tamén ten á súa disposición os logotipos de Galinux en distintos formatos.