Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Enable eviacam e sitplus

Descrición:

Conferencias “Enable Viacam” e “SITPLUS”, dúas ferramentas de computador, libres e gratuítas, para persoas con discapacidade, organizadas por GALPon e impartidas polo desenvolvedor principal de ambas ferramentas, D. César Mauri.

Fixéronse dúas presentacións, unha primeira á que foron convidados os axentes sociais vinculados ao traballo con persoas con mobilidade reducida, así como pais e en xeral máis de 60 asociacións relacionadas; e unha segunda dirixida a un público máis técnico, estudantes e profesorado de enxeñerías.

eViacam

Enable Viacam é un programa de computador que substitúe a funcionalidade do rato permitindo mover o punteiro a partir do movemento da cabeza. Funciona nun ordenador PC equipado cunha cámara web, sen elementos adicionais. eViacam está baseado no programa Rato Facial galardoado con varios premios.

Plataformas admitidas: GNU/Linux Windows 2000/XP/Vista/7

Non todo o mundo é quen de empregar o rato para mover o cursor na pantalla. eViacam é un software libre e de balde que foi deseñado principalmente para persoas con discapacidade. Utilizando unha cámara web, detecta o movemento da cabeza e o punteiro móvese en consecuencia. Só ten que configurar a área de detección (localizar a cara do usuario), a continuación, prememos no botón para inicialo. A xanela principal de eViacam tamén ofrece un acceso directo ao teclado virtual do seu Sistema Operativo. Para premer (facer «clic») nunha ligazón ou documento, coloque o punteiro sobre el e agarde un par de segundos a que se execute. Na parte superior da pantalla, ten unha barra para seleccionar o tipo de pulsación que queira facer: «clic» co botón dereito ou o esquerdo, dobre «clic» ou ata nada en absoluto. A configuración e calibrado da sensibilidade e velocidade do cursor sobre os eixes X e Y, o tempo de demora para facer o «clic», etc. entreteralle uns minutos, pero isto só será a primeira vez que o execute, despois da instalación. eViacam pode utilizarse (actualmente) en 10 idiomas, incluído o castelán, galego, catalán e asturiano.

Conclusión? eViacam funciona moi ben cun pouco de práctica! Libre e moi intelixente, é un gran programa que permite que ás persoas con discapacidade poidan gozar completamente do seu PC.

SITPLUS

Sitplus é un framework de software libre (GNU/GPL) cuxo principal obxectivo é ofrecer actividades lúdico-terapéuticas para persoas con pluridiscapacidade. Ofrece novas formas de interacción baseadas en visión artificial, voz e outros periféricos para producir un resultado en forma de imaxe e son. Inspirado nos aplicativos de causa-efecto, SITPLUS fornece unha ferramenta para a interacción continua e a distancia, accesible á maioría das persoas con discapacidades cognitivas, físicas e sensoriais.

SITPLUS é froito de case tres anos de investigación, desenvolvemento e intervención directa con persoas con parálise cerebral da APPC. Foi concibida a finais de 2007 para tentar dar unha resposta ao grupo de persoas cuxa combinación de limitacións motrices, cognitivas e ata sensoriais vetábanlles o acceso a outras ferramentas de uso máis común. As sesións experimentais, levadas a cabo no laboratorio que a APPC dedicou en exclusiva a este proxecto, revelan que esta ferramenta non só é útil para moitas persoas con afectacións moderadas e severas, senón que, ademais, resulta moi motivadora para aqueles usuarios con afectacións máis leves.

O espazo web dedicado a SITPLUS é un proxecto que ten o dobre obxectivo de, por unha banda, ofrecer de forma totalmente de balde está tecnoloxía ás entidades e familias, e por outra, abrir a porta á vosa colaboración para continuar mellorándoo.

Aínda que SITPLUS céntrase nas persoas con parálise cerebral, tamén pode beneficiar a outras persoas con discapacidades cognitivas. Doutra banda, tamén pode ser útil como unha plataforma para a investigación en xogos, música e arte interactivos. De feito, SITPLUS concíbese como un marco de aplicación onde se poden desenvolver diversas actividades que utilizan recursos. Os recursos serían elementos como, por exemplo, a análise do son de entrada, o seguimento do movemento a través de visión artificial, os algoritmos de síntese gráfica e sonora, etc. As actividades non son máis que pequenos aplicativos que utilizan os recursos para facer algo útil (por exemplo, permitindo interactuar co sistema dalgún xeito). A idea deste modelo é permitir a reutilización dos compoñentes para proporcionar diferentes escenarios interactivos mantendo simple o seu desenvolvemento e uso.

Neste momento SITPLUS está dispoñible en castelán, galego e catalán (outros idiomas en proceso de tradución).

Enable Viacam” e “SiITPLUS”, dúas ferramentas de computador, libres e gratuítas, para persoas con discapacidade

Datas e lugar de celebración:

A primeira das conferencias, dirixida a pais, educadores/monitores e usuarios en xeral, tivo lugar o sábado 1 de outubro na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, sito na rúa Policarpo Sanz 24, 3ª andar de Vigo. A segunda delas, de carácter máis técnico e dirixida a técnicos e desenvolvedores, tivo lugar o luns 3 de outubro no Salon de Graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, da Universidade de Vigo, Lagoas, Marcosende.

Documentación:

Impacto:

Á convocatoria da primeira conferencia respondeu unha trintena de persoas que puideron comprobar de seu, en equipos instalados a tal efecto no salón, o funcionamento de ambas as dúas ferramentas, tendo unha especial aceptación o Sitplus xa que unha maioría dos asistentes tiñan querenza polo traballo con persoas con problemática severa.

Organiza:

Asociación GALPon

Patrocina:

Esta actividade contou co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia no plan de acción FLOSS 2011 da Xunta de Galicia.