Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Como instalar eGroupWare

As solucións de traballo en grupo permiten que os membros dunha organización compartan información. En moitas ocasións reciben o nome xenérico de “groupware”, ou “software para traballo en grupo”. Os tipos de información, a facilidade de acceso, a posibilidade de integración en plataformas máis ou menos heteroxéneas e a infraestrutura precisa para o seu funcionamento permiten diferenciar e individualizar a escolla do aplicativo para un emprego determinado. O caso máis xeral dentro do ecosistema do software libre, pola diversidade de aplicativos integrados, é sen dúbida eGroupWare.

A lista de funcionalidades, ou “aplicacións” segundo a terminoloxía do propio programa, é moi grande: calendario, axenda de contactos, cliente de correo IMAP, xestor de tarefas, xestor de proxectos, control de recursos comúns, xestor de ficheiros compartidos, editor de páxinas web sinxelas, seguimento horario, xestión de incidencias, wiki, xestión de fluxos de traballo, novas. O máis destacado de todas elas é o nivel de integración entre elas, de forma que as entradas de calendario, as tarefas, as incidencias e ata os contactos da axenda se poden integrar en proxectos, e a través deles relacionarse entre si. Como veremos despois, nunha instalación modelo téndese a empregar só algúns dos aplicativos, pero deixándoo aberto a futuras ampliacións.

Licenza

eGroupWare distribúese baixo os termos da licencia GNU General Public License, version 2.0

Resumo sobre a comunidade de desenvolvemento

O primeiro anuncio de liberación foi en 1999, e dende entón traballaron no proxecto 68 desenvolvedores de todo o mundo coordinados por medio da Internet. Recentemente houbo unha escisión provocada por desacordos no camiño que o traballo debera seguir da que xurdiu o proxecto Tine 2.0.

Polo demais, froito do tempo e da continua busca das formas máis eficientes de compaxinar a liberdade individual dos desenvolvedores coa tarefa común de producir un software usábel, a comunidade arredor de eGroupWare dotouse de determinadas ferramentas legais, como a Constitución, aprobada en 2005 con 15 votos a favor e 8 en contra. Nela establécense os órganos de goberno, e as súas funcións, así como os camiños e as formas polas que se deben tomar as decisións dentro da comunidade.

Á parte da complexidade da vida comunitaria, dende o punto de vista técnico o proxecto ten algúns problemas de crecemento, derivados dos marcos e paradigmas de desenvolvemento empregados na súa elaboración. Tamén é problemático en certa medida o mantemento e xestión de erros, que nalgúns casos resultan demasiado complexos de avaliar e corrixir. Todo isto levou a un grupo de antigos desenvolvedores a deixar a comunidade de eGroupWare e fundar o proxecto Tine 2.0. Moitos dos problemas de deseño e estruturas de datos cos que toparon fixéronlles tomar a decisión de comezar dende cero, e facer unha reescritura do proxecto enteiro, seguindo os presupostos do que hoxe coñecemos como web interactiva, que emprega profusamente o paradigma AJAX na interacción coa persoa usuaria, cousa que era practicamente imposíbel de facer co código herdado.

A pesar destas diverxencias e novidades, o proxecto eGroupWare segue tendo unha vida moi intensa, unha comunidade moi activa, e pódeselle augurar un longo futuro. Compre lembrar, neste sentido, que en Europa hai posibilidade de asistencia de pago para eGroupWare, e de feito esta suite de traballo colaborativo é o motor dunha importante industria de software baseada na prestación de servizos de asistencia, mantemento e adaptación de funcionalidades para clientes finais. Representa, polo tanto, un caso modélico de economía baseada no software libre.

A escolla entre eGroupWare e Tine é a día de hoxe innecesaria, á vista do limitado abano de aplicativos que ofrece o segundo, e a progresión na incorporación de novas funcionalidades que segue a manter o primeiro. Terá que pasar algún tempo ata que Tine sexa unha alternativa ao seu predecesor.

Instalación e posta en marcha

O proceso de instalación de aplicativos web pode levarse á práctica de dúas formas diferentes:

  1. empregando os paquetes da nosa distribución
  2. empregando os paquetes que produce a propia comunidade de desenvolvemento

No primeiro dos casos aseguramos unha maior facilidade de configuración nos máis dos casos, pero temos polo xeral unha versión que esta lonxe de ser a última. No segundo caso temos a última versión dispoñíbel do software a empregar, pero deixamos de lado a política de actualizacións de seguridade da distribución, e temos que ter o compromiso de facer ese mantemento de forma manual. Polo tanto a escolla dun método ou o outro dependerá da necesidade que teñamos das funcionalidades que existen na versión máis recente, e non na que prové a distribución.

Os camiños de instalación para ambas serán diferentes. No primeiro caso teremos que empregar as ferramentas habituais para mantemento de paquetes, e instalar o que corresponda, neste caso, o chamado “egroupware”. As dependencias deste paquete forzarán a instalación de todo o preciso para comezar coa configuración do aplicativo.

En caso de descargar a última versión dende a web, teremos que buscar pola ligazón “download”, e despois por “latest stable release”, “última versión estábel”. Neste caso o software atópase en SourceForge. Xunto co paquete de descarga, temos unhas instrucións de instalación, e unha lista de dependencias.

Nin que dicir ten que para que eGroupWare funcione é preciso ter instalado un servidor web e unha base de datos, entre outras cousas que a seguir habemos ver.

Para a descarga abrimos un terminal, e descargamos da ligazón anterior:

sudo su

cd /var/www/

wget http://heanet.dl.sourceforge.net/sourceforge/egroupware/eGroupWare-1.4.004-2.tar.gz

tar zxvf eGroupWare-1.4.004-2.tar.gz

rm eGroupWare-1.4.004-2.tar.gz


Unha vez descargado o software, e situado no directorio web por defecto, podemos continuar co proceso de instalación dende o navegador web. Abrímolo e vamos á url http://localhost/egroupware/, onde atoparemos unha xanela como a indicada na Ilustración 1.

Egroupware1.png
Ilustración 1: Instalación do eGroupWare

Como vemos, o proceso de instalación esta ben documentado, e só teremos que ir facendo clic nas diferentes ligazóns de cada un dos pasos que vaiamos seguindo. En primeiro lugar facemos as probas de instalación. Veremos unha lista de condicións que se cumpren no sistema, ou non. Algunhas están marcadas cunha liña verde, outras cun raio amarelo e outras cunhas aspas vermellas. As últimas impiden continuar coa instalación e as amarelas son recomendacións para mellor funcionamento e rendemento segundo pode verse na Ilustración 2:

Egroupware2.png
Ilustración 2: Verificación da instalación do eGroupWare (I)

Neste exemplo, a primeira que ten o raio amarelo di que unha variábel do ficheiro php.ini ten un valor diferente do recomendado para o óptimo funcionamento de eGroupWare. Recomenda que o mudemos, e explica o que temos que facer para cambialo: editar o arquivo php.ini que se atopa en /etc/php5/apache2/. Despois de facer o cambio que recomenda, e reiniciar o servidor web, a captura de pantalla sería coma a da Ilustración 3:

Egroupware3.png
Ilustración 3: Verificación da instalación do eGroupWare (II)

Como vemos, o valor de “mbstring” xa concorda co que agarda o instalador. Temos que facer o mesmo para todas as probas que teñan o raio amarelo. Entre as que vemos na imaxe anterior están as relacionadas coa extensión de PHP para acceder a bases de datos. En caso de empregar MySQL, teremos que instalar o paquete php5-mysql. Algúns dos paquetes que habitualmente é necesario instalar son: php5-mysql, php-pear, php5-gd, php5-imap.

Para solucionar algúns dos problemas teremos que executar as ordes que nos suxire:

pear install Auth_SASL

pear install Net_Sieve

pear install Net_IMAP

pear install Log


Unha vez cumpridas as dependencias, podemos facer clic na ligazón “Continuar para administrar as cabeceiras”. O obxectivo deste paso da instalación é a creación do arquivo “header.inc.php”, no que se inclúe información sobre o acceso á base de datos. Temos que completar o formulario, prestando especial atención aos contrasinais, e tendo en conta que nel imos crear tres usuarios/as: o da cabeceira (a páxina que estamos vendo), a base de datos, e a configuración do sistema (que despois veremos).

Na parte baixa da páxina veremos varios botóns, e unha nota informativa de que o servidor web non pode escribir o arquivo “header.inc.php”. Pulsamos no botón “Ver”, para ver o contido do arquivo. Copiamos todo o texto dende “<?php” ata o final, e pegamos o contido do portapapeis no arquivo “/var/www/egroupware/header.inc.php”. Feito isto, xa podemos facer clic en “Continuar” para chegar á páxina de login de configuración. Escribimos os datos de validación no apartado “Configuración” e pulsamos “entrar”.

Egroupware4.png
Ilustración 4: Configuración do eGroupWare

Posibelmente aparezan varios erros de php, e algunha advertencia sobre a base de datos, que aínda non esta creada. Só temos que seguir as instrucións que se nos van dando. Entramos no cliente mysql, creamos a base de datos, e asignamos permisos nela.

Creada a base de datos, prememos en “Volver a verificar a base de datos”, e veremos que aparece un botón novo: “Instalar”, para poboar a base de datos coa información que os aplicativos necesitan. Facemos clic nel e, despois duns instantes, o botón desaparece para deixar sitio a outro que di “Verificar a miña instalación”. Se facemos clic nel, e todo foi ben, veremos que o “Paso 1” xa está rematado. O “Paso 2” implica a creación duns directorios (/var/lib/egroupware/default/files e '/var/lib/egroupware/default/backup) que sexan propiedade do servidor web, e un formulario de entrada de datos ao que accederemos premendo no botón “Editar configuración actual”.

As ordes precisas para isto serían:

mkdir -p /var/lib/egroupware/default/files

mkdir -p /var/lib/egroupware/default/backup

chown www-data:www-data /var/lib/egroupware/default/files/ -R

chown www-data:www-data /var/lib/egroupware/default/backup/ -R


Dos campos dese formulario, temos obrigación de completar os chamados: “Nome ou enderezo IP do servidor de correo POP/IMAP” e “Nome do servidor SMTP ou enderezo IP”. Os dous poden ter o valor “localhost”, a non ser que teñamos o servidor de correo noutro enderezo.

Rematado o “Paso 2”, pasamos ao terceiro: Facemos clic no botón “Crear conta de administración”, que será a persoa usuaria do sistema que teña capacidade para fixar permisos, e determinar que aplicacións son visíbeis por cada usuario/a ou grupo de usuarios.

Feito isto, xa podemos seguir a ligazón “Volver ao inicio de sesión de usuario” para comezar entrar na nosa instalación de eGroupWare. Despois de escribir o nome da persoa que vai administrar e o seu contrasinal no formulario de login, poderemos ver a páxina de inicio na Ilustración 5:

Egroupware5.png
Ilustración 5: Páxina de inicio de eGroupWare

Na parte superior, a lista de botóns que levan ás diferentes aplicacións e no espazo máis grande, o calendario.

Módulos dispoñíbeis, e módulos necesarios

A lista de botóns do menú superior pode marear a mais dunha persoa usuaria recen chegada, e dar unha impresión de complexidade que, aínda que non sexa falsa, tampouco é necesariamente a mellor que se pode dar. Nin a máis produtiva. Unha implantación de eGroupWare ten que pasar forzosamente pola escolla das aplicacións necesarias, e por desbotar as que non o son. Por exemplo, moitas veces é redundante ter activas a “Wiki” e a “Base de Coñecemento”. Polo xeral as aplicacións máis sinxelas de entender, e máis empregadas, son:

  1. Calendario: Aparte de citas persoais e de grupo, pode interactuar co xestor de proxectos para que as citas formen parte dos proxectos, e os tempos se poidan computar como tempos do proxecto.
  2. Axenda de Enderezos: Sobre todo se é común, por grupos, porque a información de contactos se pode compartir, ampliar, corrixir por calquera dos membros do grupo.
  3. Rexistro de Notas e Tarefas: Igualmente, a posibilidade de empregar esta aplicación como ferramenta de información e comunicación dentro do grupo facilita a integración dos colectivos. Todas as informacións desta aplicación se poden integrar nos proxectos, que desta forma se converten no índice de conxuntos de datos heteroxéneos ao longo do sistema.
  4. Xestor de Proxectos: O verdadeiro aglutinante das demais. Pode xerar gráficas de gantt, e pode levar contabilidade dos proxectos, incluíndo custes de persoal e recursos. Os proxectos pódense dividir en subproxectos, ou fases de execución, para unha maior granularidade na observación.
  5. Folla de tempo: A ferramenta a empregar para levar control horario durante as fases de execución dos proxectos. Pódese relacionar coas Notas e Tarefas, e coas Citas do Calendario.
  6. Wiki: Como ferramenta de creación de contidos colaborativos para grupos de traballo, o modelo de xestión de información con control de versións esta demostrando en tódolos espazos de aplicación que é extremadamente produtivo. Neste caso, co valor engadido dun editor mellorado que fai innecesario o emprego de etiquetaxe especializada.

Co emprego destas seis ferramentas xa se tería moito avanzado na automatización de moitas das informacións “informais” das organizacións. As outras, que deixamos de lado para unha primeira implantación, inclúen capacidades de arquivo compartido de ficheiros, ou edición de páxinas web dunha forma sinxela.

Para seleccionar que aplicacións están visíbeis, e cales non, facemos clic na primeira icona da lista, “Administración”. No conxunto de opcións que se nos amosan facemos clic na cuarta, aplicativos”. Veremos unha lista dos aplicativos dispoñíbeis. Prememos en “Editar” e despois escollemos “Desactivar” e “Gravar”. Os aplicativos que recomendamos desactivar son:

Administración de Samba, Administrador de noticias, Base de coñecemento, Ferramentas de Tradución, Recursos, Sistema de xestión de documentos, Sondaxes, Xestor de ficheiros, e Xestor de sitios web.

Usuarios/as e permisos

As persoas usuarias deben estar agrupadas para reflectir o fluxo de información da organización. Para cada grupo de persoas a que administra ten que dar permiso para acceder a cada aplicativo. Todo isto faise dende o menú “Administración”, opción “Grupos de usuarios”. É preferíbel facer a asignación de permisos por grupos, e non individualmente por cada persoa, pola evidente redución de traballo que implica.

Cando creamos ou editamos un grupo de persoas usuarias, vemos a lista dos aplicativos ás que ten acceso, e a ACL dos datos que controla nelas. Se o permiso de acceso controla que os membros dese grupo poden acceder ao aplicativo, a ACL (“lista de control de acceso”) controla quen pode ver os datos que ese grupo produce nesa aplicación. É preciso estar ben seguros do que facemos ao respecto, para evitar sustos a posteriori.

Egroupware6.png
Ilustración 6: ACL dos grupos de persoas usuarias

O proceso lóxico consiste en crear os grupos de persoas, despois darlles permisos sobre os aplicativos, e despois controlar as listas de acceso para cada un deles. Tendo os grupos xa creados, entón é o momento de crear as contas persoais, e incluílas nos grupos.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada pola empresa TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0