Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Como instalar MoinMoin

Outro apartado destacado no traballo de publicación colaborativa son os wikis. Podemos definir como wiki unha páxina web na que diferentes persoas usuarias poden modificar o texto que a conforma, dunha forma sinxela e deixando traza das diferentes versións ao longo do tempo. As páxinas e subpáxinas pódense ligar entre elas, organizando o texto común nunha xerarquía.

Aínda que o máis importante das wikis é o carácter de ferramenta de traballo -edición- colaborativo, non queda niso a súa capacidade. Moitos dos softwares que implementan solucións de wiki inclúen dúas características que potencian o valor do traballo como conversa: o histórico de cambios e a posibilidade de debate nas entradas. A primeira característica permite facer seguimento ás diferentes versións dun mesmo artigo, levar o control colectivo dos cambios, e da idoneidade deles, mentres que a segunda integra o necesario cruce de argumentos en defensa de cada unha das posturas implicadas. O texto resultado destas ferramentas é moito máis que a simple suma das achegas das diferentes persoas autoras.

Entre as moitas ferramentas que nos dan a funcionalidade dun wiki, MoinMoin ten a peculiaridade de que, a pesar de ser un aplicativo web, non emprega o entorno LAMP, senón que crea o seu propio servidor. Tamén chama a atención por estar feita non en PHP, senón en Python.

Licenza

Emprega a GNU General Public License, version 2.0

Resumo sobre a comunidade de desenvolvemento

Un pequeno grupo de desenvolvedores levan adiante o proxecto. Os que traballan máis activamente son un grupo de 20. Pero xunto a eles hai unha gran comunidade achegando melloras, erros, e parches para eles, e suxestións. Boa proba da forza do proxecto é que as Wikis de traballo de moitos proxectos baseados en software libre empregan MoinMoin. Entre elas, Debian, Ubuntu, Xen, Apache...

Instalación e configuración de MoinMoin

MoinMoin ten un amplo abano de procedementos de instalación, segundo o contorno e o rendemento que precisemos del. Pódese instalar en conxunción cun servidor web, ou de forma independente; pode correr en diferentes sistemas operativos, sempre e cando teñan intérprete de Python. Igual que xa se comentou antes, en referencia a outros aplicativos web, tamén se pode instalar dende os repositorios da distribución (Debian, Ubuntu), ou dende as fontes dos seus autores.

No noso caso imos amosar a instalación máis sinxela que se pode empregar para facer demostracións, para wikis de pouco tráfico, persoais ou de pequenos grupos de traballo. As outras configuracións son considerabelmente máis complexas. Por isto optamos polas fontes das persoas autoras, para empregar un procedemento de instalación diferente ao previsto na distribución.

O paquete para descargar da páxina do proxecto ocupa algo máis de 5Mb. Despois da súa descarga, procedemos a descomprimilo e instalalo:

cd /opt/
mkdir moin
cd moin
wget [ttp://static.moinmo.in/files/moin-1.7.2.tar.gz
tar zxvf moin-1.7.2.tar.gz
rm moin-1.7.2.tar.gz
cd moin-1.7.2
python setup.py install

E xa teríamos o servidor listo para arrincar. Se vamos acceder dende o mesmo computador, só temos que executar dende o directorio de instalación:

./wikiserver.py

E co navegador achegármonos a http://localhost:8080/. Para parar o servidor, no terminal podemos premer as teclas Ctrl+C.

Neste punto xa teriamos o wiki operativo, e poderíamos comezar a traballar nel. Se, por exemplo, facemos clic na ligazón “Editar(GUI)” na parte superior esquerda da xanela, abrirase un editor visual de contidos, co que poderemos modificar a páxina de portada do wiki. Entre as opcións deste editor visual, os formatos de letra, a corrección ortográfica, os estilos nos formatos, etc.

Moinmoin1.png
Ilustración 1: Editor visual do MoinMoin
Outro exemplo de editor visual, o de WordPress.

O emprego deste tipo de editores supón un grande avance na evolución dos softwares de administración de wikis, pola facilidade de emprego que implican. As persoas usuarias xa non terán que aprender sistemas de etiquetaxe específicos para poderen escribir na web. Igual que no caso dos blogs, a facilidade de acceso, as curvas de aprendizaxe pouco pronunciadas, e a universalización de solucións de servidor baseadas en software libre son a base do potencial comunicativo que hoxe en día temos ao noso alcance.

Moinmoin2.png
Ilustración 2: DebianWiki feito con MoinMoin

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada pola empresa TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0