Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Casos de éxito

Quen se achega ao SwL adoita preguntar polos caso de éxito que corroboren as claras vantaxes que ofrece. A resposta máis frecuente e inmediata, posibelmente sexa a que constata que a Internet que todos empregamos non sería posíbel sen as achegas do SwL á súa infraestrutura lóxica.

No eido de servizos ofrecidos con SwL hai tamén un amplo dominio. Así, por exemplo, o servidor web Apache está detrás en case que dúas de tres páxinas que visitamos.

No epígrafe “Linux” sinalouse que este sistema é o máis empregado entre os 500 maiores supercomputadores do mundo co 88,60% (datos de xuño de 2009 da lista Top500). Entre estes está incluído o Finisterrae aloxado no CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia). Precisamente no apartado de grandes servidores é onde o SwL goza dos máis consolidados casos de éxito.

Outros significativos exemplos agrupados por proximidade de características son:

  • Google, Yahoo!, Wikipedia...
  • Forzas armadas norteamericanas e suecas, industria de armas, OTAN, NASA...
  • Wall Street, ICBC (Banco Industrial e de Comercio de China), Royal Bank of Scotland, First National Bank of Omaha, First National Bank of SouthAfrica, Société Générale, Banco do Brasil...
  • Audi, BMW, Grupo PSA,[1]Deutsche Bahn Aktiengesellschaft (ferrocarrís)...
  • Nokia, Motorola, Telstra... un gran aumento en telefonía móbil ou en UMPC (Ultra Mobile PC).
  • Grandes produtoras cinematográficas, Hollywood incluída.
  • Leroy Merlin, Mercadona, PizzaMóvil...
  • ...e máis

Igualmente salientábeis son os casos de implantacións en diversas administracións públicas internacionais e estatais:

  • Arxentina, Brasil, Venezuela, Cuba, Rep. Dominicana, China, Bután, Corea, Italia, Rusia...
  • Concellos europeos como Viena, Munich, Paris, Arles, Birmingham, Kent, Amsterdam...

De seguido un par de exemplos comentados:

  • Estremadura aplica o seu proxecto gnuLinEx nos ámbitos educativos, en soporte empresarial e na súa propia administración. É un dos proxectos máis ambiciosos e efectivos do mundo. O aforro económico na súa primeira fase estimouse en 20 millóns de euros cando o proxecto apenas estaba restrinxido ao ámbito educativo.
  • A Comunitat Valenciana usa LliureX (baseada en Ubuntu Linux) no ensino. Con esta medida aseguran levar aforrados 22 millóns de euros nos últimos catro anos.

Todas estas mostras subliñan unha tendencia case que xeneralizada mundialmente referida á adopción masiva do SwL. As principais razóns esgrimidas inicialmente para o cambio desde plataformas pechadas con licenzas restritivas cara tecnoloxías libres e abertas van desde o aforro económico á independencia, flexibilidade, cumprimento de estándares ou seguridade.

A Industria do Software non é allea a esta tendencia. Varios son tamén os exemplos de “liberación” de códigos e licenzas en proxectos noutro tempo pechados e agora esgrimidos coa atractiva verba “open”.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada por Roberto Brenlla, consultor en TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0