Xunta de Galicia


Powered by MediaWiki

Aspectos legais relativos ao SwL

Como xa foi anticipado, o SwL está baseado en licenzas, do mesmo xeito que o privativo, porque quen desexa empregar esas tecnoloxías terá que aceptar un acordo, nomeadamente a licenza. As licenzas teñen forza de contrato de adhesión polo cal quen use ese software comprométese a respectar as regras propostas polo titular, podendo ser procesado no caso de incumprilas (isto non o coloca en situación de ilegalidade, a menos que transgreda as leis relacionadas co dereito de autor ou dunha licenza asociada a unha patente).

Entre todas as licenzas libres e abertas, a máis estendida é a GPL (General Public License). Esta é abordada a continuación na súa versión 2.

Licenza GPL

Dereitos de Autor en SwL: General Public License (GPL)
Víctor Salgado Seguín
Avogado-Socio de Pintos & Salgado Abogados


A Propiedade Intelectual do Software

Os dereitos que o autor ten sobre a súa obra ou creación están protexidos na nosa lexislación baixo o réxime xurídico da Propiedade Intelectual. En concreto, o artigo 10 da Lei de Propiedade Intelectual Española dispón que “son obxecto de propiedade intelectual todas as creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas expresadas por calquera medio ou soporte, tanxíbel ou intanxíbel, actualmente coñecido ou que se invente no futuro”. Seguidamente, o devandito artigo enumera as obras ou creacións específicas protexidas baixo este ámbito (libros, obras artísticas, etc.). Entre elas, o apartado i) inclúe aos programas de computador como susceptíbeis de ser protexidos baixo esta regulación.

Xa que logo, o software no noso estado protéxese igual que a obra literaria ou artística, en contra doutros países nos que se protexe como unha invención ou Patente, dentro doutro réxime referido á Propiedade Industrial. Estímase que o réxime da Propiedade Intelectual é moito máis beneficioso para o programador que o de Patentes. No primeiro caso, o autor do programa adquire os dereitos sobre o mesmo desde o momento en que introduce as liñas de código no computador; con todo, no segundo caso, non ten os dereitos sobre a súa creación ata que o Rexistra como Patente no organismo competente.

Afondando máis, o réxime xurídico da Propiedade Intelectual garante uns “dereitos morais” do autor que son inalienábeis aínda que se cedan os dereitos para usar ou comercializar o programa. Estes dereitos son: o de paternidade da obra e o de modificación da mesma. Deste xeito, o autor ou programador terá sempre o dereito a ser recoñecido como tal nos “créditos” do programa ou no seu “Copyright”. De igual modo, toda modificación ou alteración da obra que poida menoscabar o seu prestixio ou dignidade como autor deberá contar sempre coa súa aprobación.

Estes dereitos prevalecerán, como diciamos, aínda que se transmitan ou cedan a un terceiro os chamados “dereitos patrimoniais” sobre o programa, como son o dereito de reprodución, o de distribución, o de comunicación pública ou o de transformación do programa de computador, algúns dos cales vense máis adiante.

Tradicionalmente, os programas informáticos son elaborados por un ou varios programadores que traballan para unha compañía de software. Esta empresa resérvase todos os dereitos patrimoniais ou de explotación da obra a cambio dunha remuneración aos programadores polo seu traballo. Os programas creados comercialízanse pola compañía no mercado, e poderá, á súa vez, modificalos ou actualizalos posteriormente, rendibilizando á súa vez devanditas actualizacións.

Neste tipo de programación e comercialización do software, vulgarmente denominado de “Software Propietario”, o código fonte do programa nunca se fai público permanecendo dentro da compañía baixo acceso exclusivo dos empregados programadores.

Cumprindo este sistema, atopámonos coa maior parte do software producido no mundo, principalmente baixo a contorna Windows ou Macintosh. As empresas máis coñecidas neste sector son Microsoft, Apple, Compaq, Corel ou Adobe entre outras.

Un sistema alternativo: os Dereitos de Autor en SwL

Actualmente xurdiu unha fórmula alternativa de programación, con ocasión da aparición e posterior desenvolvemento dos sistemas operativos compatíbeis con UNIX e, máis concretamente, coa explosión de Linux. Este novo sistema está revolucionando o modo de entender e explotar os dereitos de autor sobre o software en todo o planeta.

Para poder entender este sistema sui generis é necesario facer referencia ás orixes de Linux: tal e como vimos ao comezo do capítulo, este sistema operativo xurdiu a partir dun proxecto lúdico de Linus Torvalds. Este programador decidiu facer público o seu software en Internet e solicitar a participación de calquera para o seu desenvolvemento. Así, Linux creceu como un traballo colectivo e desinteresado de centos e logo de miles de programadores que contribuíron á súa definición e desenvolvemento posterior.

Deste xeito, non se pode falar dun único autor ou dun colectivo agrupado baixo unha única empresa propietaria dos dereitos de explotación senón dun programa “case” (e logo veremos porqué o de “case”) de dominio público ao que calquera que o desexe pode acceder, copiar, modificar e usar dunha forma libre e case gratuíta.

Quere isto dicir que Linux carece de dereitos de autor?. Pois habemos de dicir que non. A pesar destas especiais características, Linux non é un programa “de dominio público” (é dicir, totalmente ”libre”) desde un punto de vista xurídico. A continuación vese por que:

A Licenza Pública GNU

Este novo sistema de creación, uso e modificación do software, non só se limita ao sistema operativo de Linux senón que se aplica tamén a todos os programas informáticos desenvolvidos principalmente para esta contorna. Esta nova política de programación recóllese maioritariamente baixo a chamada GNU General Public License (GNU GPL) que é unha licenza pública creada pola Free Software Foundation baixo o proxecto “Gnu Non é Unix” e cuxa última versión data de xuño de 2007.

En realidade, cabe dicir que o proxecto “Gnu Non é Unix (GNU), sobre o que se basea esta licenza, é anterior ao propio Linux xa que naceu en 1983 coa mesma filosofía de “software libre” que este último, pero non é ata o desenvolvemento deste sistema operativo en que esta licenza alcanza o seu pleno apoxeo e chega a converterse no réxime de explotación de dereitos dos programas, alternativo ao Tradicional do “software privativo” a nivel mundial.

Pasando a analizar o contido desta licenza pública GNU, os seus dous obxectivos fundamentais son:

      1. Protexer o software baixo ”Copyright” e
      2. Dar o permiso legal para copiar, distribuír e/ou modificar o software libremente.

En definitiva, cando a licenza fala de “software libre”, está facendo referencia á liberdade, non a prezo. Estas Licenzas Públicas Xenerais están deseñadas para asegurar que se teña a liberdade de distribuír copias de software libre (e cobrar por ese servizo se quere), de que se reciba o código fonte ou que se poida conseguir se se quere, de que se poida modificar o software ou usar fragmentos del en novos programas libres, e de que se saiba que se poden facer todas estas cousas.

A efectos da lexislación española, o que se pretende é conservar intactos os dereitos morais sobre a obra e permitir a libre explotación por terceiros dos dereitos patrimoniais a condición de que se cumpran unha serie de condicións recollidas expresamente na Licenza. Por exemplo, se se distribúen copias dun destes programas, sexa gratuitamente, ou a cambio dunha contra prestación, débese dar aos receptores todos os dereitos que se teñen sobre a mesma. Débese asegurar que eles tamén reciben, ou poden conseguir, o código fonte do programa. E débense mostrar estas condicións de forma que coñezan os seus dereitos.

Para unha exposición máis clara, pasaremos a expor os dereitos de explotación conferidos pola licenza e, a continuación, as obrigacións ou limitacións aos mesmos:

Dereitos conferidos pola Licenza Pública GNU:

Esta licenza afecta exclusivamente aos dereitos de reprodución, distribución e transformación da obra. Calquera outra actividade distinta destas non está cuberta por esta Licenza, está fóra do seu ámbito. O acto de executar o Programa non está restrinxido, e os resultados do Programa están cubertos unicamente se os seus contidos constitúen un traballo baseado no Programa, independentemente de telo producido mediante a execución do programa. O que isto se cumpra, depende do que faga o programa.

  1. Dereito de Reprodución:

O dereito de reprodución vén definido no artigo 18 da nosa Lei de Propiedade Intelectual, o cal afirma que “enténdese por reprodución a fixación da obra nun medio que permita a súa comunicación e a obtención de copias de toda ou parte dela”.

Na licenza pública GNU, este dereito confire a capacidade de realizar copias do programa de computador en calquera soporte e sen unha limitación cuantitativa das mesmas.

  1. Dereito de Distribución:

O artigo 19 da LPI dispón que “enténdese por distribución a posta a disposición do público do orixinal ou copias da obra mediante a súa venda, aluguer, préstamo ou de calquera outra forma”.

Deste xeito, a licenza permítenos distribuír libremente as copias do programa de computador ben gratuitamente ou ben, ata, cobrando un prezo. Enténdese que só cobraremos polo servizo de copia e polos soportes que acheguemos, así como por manuais ou documentación propia que incluamos co programa.

No caso de que se achegue algún outro servizo co software, como é a asistencia técnica sobre o mesmo ou unha garantía supletoria, tamén poderemos incluílo no prezo do produto.

  1. Dereito de Modificación ou Transformación:

Este dereito regúlase no artigo 21 da LPI, o cal dispón que “a transformación da obra comprende a súa tradución, adaptación e calquera outra modificación na súa forma da que se derive unha obra diferente”.

O parágrafo 2 deste precepto afirma que “os dereitos de propiedade intelectual da obra resultante da transformación corresponderán ao autor desta última, sen prexuízo dos dereitos do autor da obra preexistente”.

Así, a Licenza Pública GNU permite a modificación ou transformación do Programa completo ou ben dunha porción do mesmo, formando unha nova creación ou traballo baseado nel. De igual modo, autoriza á libre reprodución e distribución da nova obra a condición de que se realice de acordo á forma xa vista.

A devandita modificación, ademais, deberá cumprir coas condicións e limitacións impostas na licenza, que a continuación se detallan.

Condicións e Limitacións da Licenza Pública GNU:

A. Condicións para a Reprodución e Distribución do software:

A liberdade para copiar e distribuír o software, ben sexa o orixinal ou o modificado, incorpora a obriga de, ademais do sinalado anteriormente, cumprir as seguintes condicións:

  1. Calquera distribución do programa ou dunha modificación do mesmo debe garantir a liberdade de reproducila, distribuíla e modificala libremente á súa vez, nos mesmos termos estabelecidos na Licenza Pública GNU. Deste xeito, non poderá impor ao receptor ningunha restrición máis sobre o exercicio dos dereitos aquí garantidos. Así mesmo, sinálase que o distribuidor non será responsábel de facer cumprir esta licenza por terceiras partes.
  2. Achegar ou facer accesíbel o código fonte do programa, mediante o cumprimento de polo menos unha das seguintes condicións:

1. Acompañalo co código fonte completo correspondente, en formato electrónico, que debe ser distribuído nun medio habitualmente utilizado para o intercambio de programas, ou

2. Acompañalo cunha oferta por escrito, válida durante polo menos tres anos, de proporcionar a calquera persoa que o reclame unha copia completa en formato electrónico do código fonte correspondente, a un custo non maior que o de realizar fisicamente a súa copia e o seu envío nun medio habitualmente utilizado para o intercambio de programas, ou

3. Acompañalo coa información que se recibiu ofrecendo distribuír o código fonte correspondente. (Esta opción permítese só para distribución non comercial e só se se recibiu o programa como código obxecto ou en formato executábel, de acordo co apartado anterior).

O código fonte dun programa é o conxunto das liñas de programación en modo texto, escritas na linguaxe correspondente, antes de ser compiladas para crear o ficheiro executábel.

Aos efectos da Licenza Pública GNU, por “código fonte dun traballo” enténdese a forma preferida do traballo cando se lle fan modificacións. Para un traballo executábel, enténdese por “código fonte completo” todo o código fonte para todos os módulos que contén, máis calquera ficheiro asociado de definición de interfaces, máis os guións utilizados para controlar a compilación e instalación do executábel.

Como excepción especial a esta obriga, o código fonte distribuído non necesita incluír nada que sexa distribuído normalmente (ben como fonte, ben en forma binaria) cos compoñentes principais (compilador, kernel e similares) do sistema operativo no cal funciona o executábel, a non ser que o propio compoñente acompañe ao executábel.

B. Condicións para a Modificación do software:

O dereito á libre modificación ou transformación do software baixo esta licenza pública, está limitado polo cumprimento das seguintes condicións:

  1. Os ficheiros modificados deberán incorporar anuncios prominentes indicando esta circunstancia, o seu autor e a data en que se introduciron os cambios.
  2. Os dereitos e condicións de uso das modificacións producidas deberán cumprir coa Licenza Pública GNU, non podendo limitarse baixo ningún concepto, máis aló do sinalado en devandita licenza.
  3. Se o programa modificado le normalmente ordes interactivamente cando é executado, debe facer que, cando comece a súa execución para ese uso interactivo da forma máis habitual, mostre ou escriba unha mensaxe que inclúa un anuncio de Copyright e de que non se ofrece ningunha garantía (ou pola contra que si se ofrece garantía) e que os usuarios poden redistribuír o programa baixo estas condicións, e indicando ao usuario como ver unha copia desta licenza. (Excepción: se o propio programa é interactivo pero normalmente non mostra ese anuncio, non se require que o seu traballo baseado no Programa mostre ningún anuncio).

Estes requisitos aplícanse ao traballo modificado como un todo. Se partes identificábeis dese traballo non son derivadas do Programa, e poden, razoabelmente, ser consideradas traballos independentes e separados por eles mesmos, entón esta Licenza e os seus termos non se aplican a esas partes cando sexan distribuídas como traballos separados. Pero cando distribúa esas mesmas seccións como partes dun todo que é un traballo baseado no Programa, a distribución do todo debe ser segundo os termos desta licenza, cuxos permisos para outros licenciados esténdense ao todo completo, e polo tanto a todas e cada unha dos seus partes, con independencia de quen a escribiu.

C. Ausencia de Garantía

Para rematar, cabe sinalar que os programas protexidos baixo esta Licenza Pública GNU, debido a que poden ser alterados e distribuídos un número indefinido de veces, deberán incorporar unha cláusula especial de exoneración de responsabilidade dos programadores e de ausencia de garantía do mesmo fronte a posíbeis defectos ou mal funcionamento do mesmo e fronte a posíbeis danos ou prexuízos derivados da súa utilización por parte do usuario.

A pesar desta limitación, o programador ou distribuidor, se o estima oportuno, pode incluír algún tipo de Garantía ou Asistencia respecto das súas modificacións ou distribucións do produto (ou respecto de todo o paquete). Tal e como comentamos anteriormente, por estes servizos e prestacións extras que se achegan ao software pódese percibir, e normalmente faise, unha contraprestación económica para a súa prestación.

Reflexión final

Deste xeito e para concluír, observamos que tanto Linux como os programas baseados nel non son creacións de dominio público senón que son obras protexidas por Copyright e cuxa utilización está protexida e limitada, aínda que moi levemente, para permitir unha ampla difusión e unha fácil participación e achega de calquera programador ao seu desenvolvemento.

Este particular réxime de explotación da Propiedade Intelectual dos programas existentes nesta contorna permitiu a súa case gratuidade e a súa gran calidade técnica, á conta da súa produción ás veces anárquica.

GPLv3

A versión 3 da GPL actualiza á anterior en aspectos que o propio Richard Stallman consideraba necesarios contemplar. Os cambios máis importantes están relacionados coas patentes de software, a compatibilidade da licenza libre, a redefinición de “código fonte” e mailas restricións de hardware que imposibilitan a execución de modificacións de software (efecto bautizado por Stallman como “Tivoización”). Asemade inclúe posibilidades de edición de certas cláusulas adicionais a quen ostente a autoría do software e prevé a ineficacia xurídica de acordos semellantes ao polémico celebrado entre Novell e Microsoft.

Agora hai que agardar á evolución na súa adopción, os axustes en termos de compatibilidade legal e demais (artigo sobre un caso de estudo da compatibilidade entre versións). O tempo será quen marque o grao de aceptación da aínda recente GPLv3.

Outras licenzas libres e abertas

Alén da máis estendida GPL existen outras licenzas libres e abertas moi difundidas. Entre todas elas cabe mencionar:

  • LGPL (GNU Lesser General Public License) é unha licenza semellante á GPL pero outorgando permisos máis doados para a incorporación doutros códigos con distintas licenzas, sempre que se respecten unhas determinadas regras.
  • AGPL (GNU Affero General Public License) é unha GPL adaptada á contorna das redes.
  • GFDL (GNU Free Documentation License) está adaptada á contorna documental.
  • Licenzas BSD (Berkeley Software Distribution) son consideradas de dominio público e non require da continuidade do copyleft, termo proposto por Richard M. Stallman para que compartir software fose algo continuado, de xeito “quid pro quo” . Permite o seu uso comercial privativo e que o software cuberto por esta licenza sexa incorporado a produtos comerciais privativos. Tal é o caso de diversos códigos de rede da BSD incluídos en produtos de Microsoft e os numerosos compoñentes de FreeBSD en Mac OS X.
  • MPL (Mozilla Public License) é unha licenza pola cal a Fundación Mozilla ostenta os dereitos de copyright, sendo polo demais un híbrido entre as licenzas BSD e GPL. Deste xeito convértese nunha débil copyleft.
  • LPUE (Licenza Pública da Unión Europea, EUPL -European Union Public Licence-) é unha licenza creada por la Unión Europea para una previsíbel liberación de programas pertencentes ás administracións públicas.
  • Existe unha listaxe completa de licenzas abertas aprobadas pola OSI (Open Source Initiative).

A seguir trátanse unhas determinadas licenzas por seren estas as aplicábeis ao software explicado na segunda parte desta guía, a titulada “Implantación e soporte de servizos básicos en SwL”.

  • IBM Public License versión 1.0 Secure Mailer, é unha licenza de SwL escrita e ás veces empregada por IBM. Contén restricións non incluídas na GPL alén dun distinto manexo das patentes e unha clara definición das responsabilidades de quen contribúe. Deste modo, a IPL non é compatíbel coa GPL e si coa OSI.
  • Apache License v2.0 é unha licenza de software libre pero non é copyleft dado que permite o uso e desenvolvemento de calquera tipo de software a partir do seu código. Está aprobada pola OSI e só é compatíbel coa GPLv3.
  • OpenLDAP Public License é unha licenza de software libre permisiva e sen copyleft pero compatíbel coa GNU GPL e aprobada pola OSI
  • eTicket License ofrece software que se pode modificar e mellorar pero non redistribuír agás obtendo o expreso permiso por escrito. Non é código aberto segundo a definición da OSI.

A ampla cantidade de licenzas libres e abertas adoita ser considerada un inconveniente en termos prácticos. A pesares de que a “Comunidade” consente o uso de diferentes tecnoloxías con licenzas abertas e até as admite como algo natural, en última instancia, é a GPL a que se toma como referente por mor dos valores ético-filosóficos que defende. Tense producido casos de forks (bifurcacións de desenvolvementos) en proxectos que no seu día tan só dubidaron entre seguir unha liña libre ou outra máis restritiva.

Complementando este apartado cabe sinalar á organización Creative Commons, fundada polo avogado Lawrence Lessig, profesor de dereito na Universidade de Stanford, co gallo de aminorar as barreiras existentes entre as creacións e maila lexislación. Emprégase normalmente para licenciar obras fóra do ámbito do software.

Marcas

Segundo o artigo 4 da Lei17/2001 “enténdese por marca todo signo susceptíbel de representación gráfica que sirva para distinguir no mercado os produtos ou servizos dunha empresa das outras. Tales signos poderán, en particular, ser: a) as palabras o combinacións de palabras, incluídas ás que serven para identificar ás persoas, b) as imaxes, figuras, símbolos e debuxos, c) as letras, as cifras e as súas combinacións, d) as formas tridimensionais entre as que se inclúen os envoltorios, os envases e a forma do produto ou da súa presentación, e) os sonoros, f) calquera combinación dos signos que, con carácter enunciativo, se mencionan nos apanados anteriores”.

As marcas son un activo das empresas que licencian o seu traballo como SwL. Tal activo outórgalles unha vantaxe en caso de disputas como a acontecida entre o proxecto Debian e Mozilla ao non querer incluír aquela a arte gráfica desta última.

Licenza desta guía

Esta guía forma parte da documentación de apoio para a capacitación TIC en SwL e foi elaborada por Roberto Brenlla, consultor en TEGNIX para o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún. Distribúese baixo as condicións dunha Licenza Creative Commons: Recoñecemento-CompartirIgual 3.0